Nava Castro salienta o crecente potencial turístico e gastronómico da lamprea na XXII Festa da Lamprea Seca de Arbo

No marco das festas, a directora de Turismo de Galicia resaltou a importancia das Pesqueiras do Río Miño pola súa singularidade, tradición e valor histórico

Arbo (Pontevedra), 13 de agosto de 2017
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu hoxe á XII edición da Festa da Lamprea Seca no concello pontevedrés de Arbo, onde salientou o crecente potencial turístico e gastronómico da lamprea, que se materializa, dixo, no éxito de festas como esta ou mesmo con iniciativas turísticas levadas a cabo polo seu departamento como a Ruta da Lamprea ou os trens turísticos de Galicia, que conta cun itinerario específico dedicado a este produto.

A directora de Turismo de Galicia recordou que a Ruta da Lamprea está a consolidarse como unha experiencia turística diferenciadora que permite percorrer uns 16 concellos galegos nas beiras dos ríos Miño, Ulla e Tambre, onde se inclúe tamén o concello de Arbo. E tamén se referiu ao tren turístico da Lamprea, un itinerario que permite coñecer as Pesqueiras do Río Miño, especialmente atractivas pola súa singularidade, tradición e valor histórico e cuxa vindeira saída será o 16 de setembro.

300 festas gastronómicas
Nava Castro visitou, ademais, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea de Arabo, que promociona e pon en valor este produto que, indicou “nos fai diferentes como destino”, e que se converte nun importante reclamo tamén no eido gastronómico, a segunda razón pola que os visitantes escollen Galicia.

A Festa da Lamprea Seca é unha das máis de 300 festas gastronómicas que se celebran en Galicia durante todo o ano e que conta cunha gran tradición entre os veciños e visitantes. Permite degustar este produto en todas as súas variedades acompañada dos viños da denominación de orixe das Rías Baixas.


 

Data de actualización: 13/08/2017