A conselleira do Mar participou no Festival do Bacalhau que se está a celebrar en Ílhavo, en Portugal
Rosa Quintana avoga por preservar a historia e difundir a cultura mariñeira para que quede como testemuña do pasado das comunidades pesqueiras

A conselleira tamén participou no izado de bandeiras e na sinatura da adición do Museu Marítimo de Ílhavo á Rede de Espazos con Contido Museístico Atlántico, do proxecto dos grupos de acción local do sector pesqueiro Morada Atlántica

Ílhavo (Portugal) 11 de agosto de 2017
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta tarde no día dedicado a Galicia no marco do Festival do Bacalhau, que se está a celebrar no concello do Ílhavo, en Portugal. Alí avogou por preservar a historia e difundir a cultura mariñeira para que quede como testemuña do pasado das comunidades pesqueiras.

No marco deste festival, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, tamén participou no izado de bandeiras e na sinatura da adición do Museu Marítimo de Ílhavo á Rede de Espazos con Contido Museístico Atlántico, do proxecto Morada Atlántica, dirixido polos GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia e Costa da Morte e que conta coa colaboración do Grupo de Ação Costeira de Região de Aveiro.

A conselleira do Mar aproveitou para destacar o vínculo existente entre os mariñeiros do bacallau de Galicia e os de Portugal, unha “irmandade que se remonta ás expedicións pesqueiras de bacallau en Terranova”, dixo. Por iso, sinalou, “hoxe miramos desde a memoria aqueles tempos pero seguimos na aventura do bacallau da man dos nosos portos bacallaeiros, Vigo e Aveiro”.

Proba do compromiso existente por preservar a tradición da explotación do bacallau por parte dos profesionais galegos e portugueses, lembrou a conselleira, é o proxecto Morada Atlántica que persegue potenciar a cooperación transfronteriza e a transferencia de coñecemento dos territorios costeiros do arco atlántico galego e portugués e que naceu co obxectivo de salvagardar o noso patrimonio cultural mariñeiro.

Ademais, Rosa Quintana recordou que dentro de Morada Atlántica constituíuse a Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico, co fin de dar a coñecer os fondos patrimoniais e o potencial atractivo e divulgativo dos museos de contido marítimo e atlántico de titularidade municipal que se estenden ao longo das nosas costas. Precisamente, lembrou que o Museo Marítimo de Ílhavo cedeu recentemente a A saga do bacalhau, unha mostra temporal sobre a pesca do bacallau en Galicia que se poderá ver no Museo do Mar de Laxe durante todo o mes de agosto. Esta exposición repasa a viaxe que o oficial da Armada australiana e xornalista de National Geographic, Alan Villiers, realizou cos pescadores lusos do Argus ata os caladoiros de Terranova no 1950. Recolle medio cento de fotografías, o libro A campanha do Argus e a película The Bankers. The voyage of the schooner Argus, así como unha embarcación tradicional denominada dori cos utensilios de pesca empregados tradicionalmente para a captura de bacallau.

Finalmente, a conselleira do Mar agradeceu ao concello do Ílhavo por invitar a Galicia a unha das citas gastronómicas máis importantes dos veráns de Portugal e felicitou ao rexedor, Fernando Fidalgo, pola sinatura do convenio de adhesión do Museo Marítimo desta rexión á Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico, que servirá para afondar e fortalecer os vellos lazos que unen Galicia e Portugal.
 

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 11/08/2017