A Xunta ofertará no segundo semestre do ano cursos de formación de seguridade pública na Agasp

Serán máis de 330 horas de formación presencial cun total de 325 prazas ofertadas principalmente aos policías locais de Galicia

A maiores, haberá unha ampla oferta de cursos para o resto das forzas e corpos de seguridade que traballan na Comunidade

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia ofertará no segundo semestre do ano 13 cursos cun total de 325 prazas para mellorar a formación en seguridade pública. A iniciativa conta con máis de 330 horas de formación presencial e está dirixida principalmente ao persoal da Policía Local que traballa en Galicia, aínda que se reserva un 10% das prazas para Policía Nacional e Autonómica e Garda Civil.

Máis da metade dos cursos realízanse por primeira vez e inciden nos aspectos máis sociais das funcións dos policías. Por exemplo, tendo en conta o aumento das situacións de acoso escolar nos colexios e o consumo de drogas en menores, vanse realizar accións formativas nestas materias. Así, proporcionaranse aos axentes claves e ferramentas para a detección precoz dos diferentes perfís, e reflexionarase sobre o papel que deben ter a familia, a escola, as institucións e, en especial, as forzar e corpos de seguridade.

A maiores, continúase a realizar formación en violencia de xénero, que é un dos piares fundamentais da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), así como en tráfico e seguridade viaria.

Outra das novidades na formación deste semestre é o curso de Intervención policial con cans. Trátase dun curso de carácter teórico-práctico no que se abordan a seguridade e a autoprotección no manexo canino, así como as condutas non desexadas e os primeiros auxilios aplicados a cans. O prazo para a inscrición nestes cursos remata o próximo 12 de setembro.

Policía Autonómica


A maiores deses trece cursos, no relativo á formación da Policía Autonómica destaca novamente a realización de dúas xornadas sobre violencia de xénero, enfocadas ao coñecemento lexislativo, a realización de atestados, os novos protocolos de valoración de riscos e a violencia de xénero nas redes sociais. Nese marco destaca un curso de habilidades para a impartición de charlas sobre violencia de xénero, menores e medio ambiente nas escolas galegas.

Na materia de medio ambiente, a Policía Autonómica realizará varias xornadas de formación en materias como a nova Lei de montes, caza e pesca, o Camiño de Santiago, o control de transporte en redes viarias e un seminario técnico en inspección ambiental.

Policía Nacional e Garda Civil


Grazas ao pioneiro convenio de formación asinado en 2015 entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Interior para a formación do persoal da Policía Nacional e Garda Civil que traballan en Galicia estes profesionais reciben cursos na Agasp de forma habitual e atendendo as súas propias demandas.

Así, no segundo semestre a Garda Civil realizará, entre outros, un curso de soporte vital básico e manexo do desfibrilador semiautomático, de formación para mandos da Garda Civil de Tráfico, de identificación de aves rapaces a través de restos óseos e de técnicas de condución de motos de campo con adestrapp.

Pola súa parte, a Policía Nacional desenvolverá dúas xornadas de actuación operativa en casos de custodia policial, dous cursos de violencia de xénero e un de tratamento policial de menores.