Máis de 200 persoas xa participaron nos minicruceiros costeiros que recorrerán as rías galegas ata o mes de novembro

A iniciativa está impulsada por Turismo de Galicia, Portos de Galicia e a Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+) e consta de seis rutas

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2017
  • whatsapp

Máis de 200 persoas participaron xa nos minicruceiros costeiros que están a percorrer as rías galegas durante este verán nunha iniciativa que se estendera ata o vindeiro mes de novembro.

O proxecto, impulsado por Turismo de Galicia, Portos de Galicia e a Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+) estase a converter nunha perfecta oportunidade para impulsar o gran potencial do turismo náutico ao ser un importante acicate para pór en valor o patrimonio natural, gastronómico e cultural de Galicia.

A oferta deste ano inclúe ata catro propostas diferentes con seis rutas polas rías galegas en ferri-catamarán ou en veleiro. Trátase dos itinerarios Minicruceiro costeiro polas rías, de seis días de duración; Minicruceiro Costeiro a Vela Ruta Xacobea Mar de Arousa, de dous días; e Minicruceiro Costeiro Illas Atlánticas e Vilas mariñeiras pola Ría de Vigo e Minicruceiro Costeiro a Vela Tesouros da Ría de Vigo, ambos dun día de duración e coa posibilidade de escoller entre dous itinerarios diferentes pola ría de Vigo.

Gozar do turismo mariñeiro


A bordo destes minicruceiros, os visitantes poderán gozar do turismo mariñeiro e coñecer, entre outros moitos recursos, o Parque Nacional das Illas Atlánticas e ata rememorar o percorrido que os restos do Apóstolo Santiago seguiron pola ría de Arousa.

Nestes primeiros días participaron tanto particulares como colectivos como a Asociación de Mulleres de Moaña, a Asociación Agarimo, a Asociación Galega de Pensionistas ou o Colexio de Enxeñeiros de Santiago. Ata o momento, tamén se levou a cabo unha viaxe de familiarización con axencias de viaxes e con medios de comunicación.

As vindeiras saídas en ferri están previstas para o 17 e 24 de setembro, en cruceiro de 6 días, e tamén os días 4, 5, 6, 7, 11, 12, 13 e 14 de setembro para as rutas deseñadas para un día. En canto ás saídas en veleiro, tamén están previstas para setembro. Os interesados poden obter a información correspondente á iniciativa, aos itinerarios, prezos e días na páxina web de Turismo de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/08/2017