Medio Rural recoñece o labor do operativo anti-incendios para facer fronte ao desafío dos incendiarios

No que vai de fin de semana houbo en Galicia ata 29 lumes nocturnos, dos cales 21 (máis do 72%) quedaron en conatos grazas á rápida actuación do dispositivo

O tempo medio de reacción para facer fronte a estes incendios situouse arredor dos 20 minutos

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2017
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural fai un recoñecemento público a todos os profesionais que loitan contra os incendios forestais en Galicia, tanto ao persoal da propia Xunta como dos corpos e forzas de seguridade do Estado, Ministerio de Agricultura, Exército, Protección Civil, etc. O departamento que dirixe Ángeles Vázquez salienta o seu alto grao de compromiso e eficacia para facer fronte ao desafío que supón a actividade incendiaria.

Os datos que manexa Medio Rural indican unha elevada actividade deste tipo ao longo da fin de semana, especialmente en horas nocturnas, nas que os medios aéreos non poden actuar e con varios focos simultáneos en puntos próximos, para dificultar os labores de extinción. Así, nas dúas últimas noites chegaron a rexistrarse en Galicia un total de 29 lumes entre as 22,00 horas (ocaso) e as 07,00 horas (saída do sol).

A eficacia do operativo ponse de manifesto polo feito de que, malia as dificultades, a maior parte deles, 21, que supoñen o 72,4% do total, quedaron reducidos a conatos (por baixo dunha hectárea de monte raso ou media hectárea de arborado). O tempo medio de reacción situouse nestes casos arredor dos 20 minutos, un dato que tamén ilustra a gran profesionalidade do dispositivo. Cómpre lembrar que nesta época de perigo alto de incendios, que se extende entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, están permanentemente mobilizadas unhas 7.000 persoas para loitar contra o lume en Galicia.

Ademais, na fin de semana proliferaron os lumes case simultáneos localizados nun mesmo concello, e incluso nunha mesma parroquia. Entre eles, cómpre destacar o caso paradigmático do municipio pontevedrés de Agolada, no que chegou a haber ata 10 lumes en apenas 24 horas. Deles, catro quedaron en conatos grazas á rapidez na actuación do operativo, e só un alcanzou as 15 hectáreas de superficie afectada, sendo o de maior extensión nese concello.

Medio Rural felicítase polas últimas detencións de presuntos incendiarios practicadas en Galicia e agradece, ao tempo, o compromiso da sociedade galega fronte ao problema dos incendios forestais. Lembra, por último, que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 13/08/2017