A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 horas de hoxe

Estabilizado o incendio no concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Castiñeira, que segundo as últimas estimacións afectou unhas 100 hectáreas

Segue controlado o lume no municipio ourensán de San Cristovo de Cea, parroquia de Viña, que afectou unhas 38 hectáreas, a maior parte de arborado

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2017
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 horas de hoxe.

Estabilizado Vilariño de Conso


Ás 13,06 horas deste mediodía quedou estabilizado o incendio rexistrado no concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Castiñeira, que se iniciou a pasada noite en varios focos simultáneos e que segundo as últimas estimacións afectou unhas 100 hectáreas. No seu control levan traballado un total de sete axentes, 18 brigadas, nove motobombas, unha pa, cinco helicópteros e tres avións.

Controlado San Cristovo de Cea


Permanece controlado desde as 09,30 horas desta mañá o lume do concello ourensán de San Cristovo de Cea, parroquia de Viña, que tamén comezou onte á noite en varios focos simultáneos e que segundo as últimas estimacións afectou 38 hectáreas, das cales unhas 30 son de monte arborado e as oito restantes de raso. No seu control traballaron un técnico, nove axentes, 19 brigadas, 14 motobombas e tres pas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 13/08/2017