Xunta e concellos seleccionan estes días os 440 alumnos dos 24 obradoiros de emprego da provincia da Coruña

Está previsto que a maioría destas iniciativas de emprego poidan comezar no mes de setembro.

Dezaseis obradoiros terán un carácter xeral mentres que outros oito están reservados para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil

Os alumnos deberán estar inscritos nas oficinas de emprego e terán prioridade determinados colectivos
 

A Coruña, 23 de agosto de 2017
  • whatsapp

Funcionarios da Consellería de Economía, Emprego e Industria, xunto técnicos municipais, realizan estes días a selección dos alumnos e alumnas dos obradoiros de emprego que comezarán no mes de setembro na provincia da Coruña. Os candidatos deberán estar anotados nas oficinas de emprego e terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.

A provincia da Coruña contará en 2017 cun total de 24 obradoiros de emprego, 16 deles de carácter xeral, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e que amplían a súa duración de 6 a 9 meses. Os 8 restantes serán de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas investiranse en políticas activas de emprego máis de 5,4 millóns de euros na provincia.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou que estes obradoiros permitirán que un total de 440 persoas desempregadas “se formen nun oficio mentres realizan obras ou prestación de servizos de interese xeral e social, que posibiliten unha formación profesional para o emprego e a súa posterior inserción laboral”. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Os obradoiros xerais, cada un con 20 prazas, terán lugar en Oza-Cesuras compartido con Coirós; Ribeira compartido con Porto do Son; Abegondo compartido con Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras e Paderne; Ferrol; A Laracha compartido con Arteixo; Monfero compartido con Aranga, Irixoa e Vilarmaior; Boqueixón compartido con Vedra; Santa Comba compartido con Mazaricos e Dumbría; Betanzos compartido con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne; Padrón compartido con Rois e Dodro; As Pontes; Mugardos compartido con Ares, Fene, Cabanas e Neda; Cambre compartido con Sada; Miño
compartido con Paderne e Pontedeume; Touro compartido con O Pino; e Ordes compartido con Frades.

Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil, que contarán cada un con 15 alumnos-traballadores, realizaranse en Ames compartido con Brión; Carballo; Fene compartido con Ares, Neda, Mugardos e Cabanas; Santiago; Muros compartido con Carnota; Oleiros; A Coruña; e Boiro.
 

Data de actualización: 22/08/2017