Conde avanza que a Xunta aumentará en seis meses a tarifa plana de 50 euros para garantir a continuidade de 6.000 autónomos

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, explicou na visita que realizou á empresa Ingaf da Coruña, que esta iniciativa sae hoxe mesmo publicada no Diario Oficial de Galicia

O Goberno galego investirá 3 millóns de euros nesta actuación que se pon en marcha por primeira vez, tras ser dialogada na Mesa do Autónomo, co obxectivo de apoiar a consolidación deste colectivo

Conde indica que a Consellería amplía cun millón de euros, os apoios á contratación indefinida para as persoas que traballan por conta propia

Estas novas actuacións enmárcanse na Estratexia 2020 á que se destinan 40 millóns ao ano para que en Galicia sexa máis favorable poñer en marcha unha actividade económica

A Coruña, 24 de agosto de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe na Coruña, nunha visita que realizou á empresa Ingaf (dedicada a proxectos de enxeñería medioambiental, agronómica, forestal e sustentabilidade) que a Xunta incrementará en seis meses máis a tarifa plana do Estado de 50 euros dirixida aos autónomos para garantir a continuidade de 6.000 traballadores.

Conde destacou que esta axuda, enmarcada na Estratexia Autónomo 2020, sae hoxe mesmo publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) cun investimento de 3 millóns de euros. Este apoio, en palabras de Conde, permitirá aos traballadores manter durante seis meses máis a cota reducida á Seguridade Social, pagando, deste xeito, durante o seu primeiro ano de actividade só 50 euros.

Trátase dunha actuación dirixida a aqueles que acrediten ter sido beneficiarios este ano da axuda do Estado e a teñan esgotada. É a primeira vez que a Administración autonómica pon en marcha esta medida, dialogada na Mesa do Autónomo, co obxectivo de apoiar a consolidación deste colectivo, dinamizando, ao mesmo tempo, a economía galega.

Conde explicou que ademais de impulsar a creación de novas empresas, é tamén importante deseñar os mecanismos necesarios para que as firmas en activo poidan seguir crecendo e ampliar os seus mercados, como é o caso desta nova axuda que se activa e que se suma a outras como o Bono Autónomo, que con apoios de ata 3.000 euros por traballador, busca a mellora dos negocios. O prazo de solicitude aínda está aberto, ata o día 31 de agosto, para as empresas que contan cunha antigüidade mínima de 42 meses.


Así mesmo, onte mesmo o DOG publicaba a ampliación das dirixidas á contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador cun millón de euros máis alcanzando, así, os 2,1 millóns. As contías mínimas destes apoios aumentaron este ano, pasando de 4.000 a 5.000 euros para a contratación do primeiro traballador e de 5.000 a 6.000 euros para o segundo e terceiro.

Todas estas actuacións forman parte da Estratexia Autónomo 2020 á que se destinan este ano 40 millóns de euros, dos que un 80% xa están en activo. Outras actuacións tamén en marcha dirixida a autónomos son as axudas para o inicio de actividade, o programa para menores de 30 anos, que prevé apoios de entre 4000 e 8000 euros, ou a Oficina do Autónomo, unha xanela única onde se pode obter información actualizada.

Conde, por último, afirmou que proximamente activaranse novas ferramentas para que en Galicia sexa cada vez máis favorable poñer en marcha unha idea como son cursos de formación específicos para a adaptación aos novos tempos, con 3,5 millóns; a orde para favorecer a conciliación con axudas para a contratación dunha persoa durante 16 semanas máis, unha vez rematada a baixa por maternidade ou paternidade; ou o programa de relevo xeracional.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/08/2017