O conselleiro de Sanidade asegura que a nova Lei de saúde busca a mellora do servizo sanitario

Almuiña afirma que un dos obxectivos da reforma é blindar os hospitais comarcais

Os investimentos nos hospitais comarcais nos últimos anos ascenderon a 18 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, manifestou hoxe que a nova Lei de Saúde “busca a mellora do servizo sanitario”, cun especial interese en achegar cada vez máis os servizos aos cidadáns. Nunha entrevista concedida esta mañá ao programa Bos Días da Televisión de Galicia, Almuiña subliñou que un dos obxectivos fundamentais da reforma é a actualización da sanidade galega e da súa estrutura. O que ata o de agora se coñecían como EOXI van ser áreas sanitarias e dentro de cada unha delas estarán os distritos. “Queremos blindar os hospitais comarcais e por iso creamos os distritos” afirmou o conselleiro que lembrou que os distritos existen onde existen hospitais. Coa nova lei existirán 14 distritos que se configuran como divisións das áreas, e que toman como referencia a institución hospitalaria no seu ámbito territorial. Os distritos van constituír un marco de referencia da actividade de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria que se establecerá arredor do hospital, e mantendo a agrupación de concellos que xa se realiza actualmente no decreto das EOXI.

Con estas modificacións, Sanidade pretende “avanzar nun maior número de actividades que se poidan levar a cabo nos hospitais comarcais” que segundo o conselleiro son fundamentais para gran parte dos galegos. A idea é seguir afondando no modelo actual que conseguiu que dende o ano 2012 se puideran facer arredor de 200.000 consultas con especialistas que acudían dende os hospitais centrais desa área ata os comarcais, evitando dese xeito os desprazamentos dos cidadáns. O conselleiro lembrou que dende 2012 ata o de agora os investimentos en obra e tecnoloxía nos hospitais comarcais ascenderon a máis de 18 millóns “e nos próximos dous ou tres anos chegaremos a outros 10 ou 12 millóns máis”.

Almuiña destacou que no tocante á sanidade “o que buscamos é que haxa equidade e accesibilidade, independentemente de onde se viva, en calquera comarca ou zona por afastada que estea”.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 06/09/2017