A Xunta amplía ao concello de Moaña o plan para coñecer e planificar as necesidades sanitarias previsto para Cangas
Moaña (Pontevedra), 6 de setembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, mantivo hoxe reunións con representantes e voceiros municipais de Moaña, profesionais sanitarios e representantes de distintos colectivos sociais deste concello. No transcurso destas xuntanzas, Almuiña adiantou que o plan previsto para analizar as necesidades sanitarias do concello de Cangas, anunciado onte, vaise ampliar tamén ao concello de Moaña. Con este obxectivo, recolleranse todos os datos necesarios para redactar un documento único que contemple, así mesmo, a proxección para os vindeiros 25 anos dos servizos sanitarios no municipio de Moaña. Nas vindeiras semanas publicarase a licitación deste documento no Diario Oficial de Galicia.

Jesús Vázquez Almuiña amosou no transcurso das xuntanzas mantidas esta tarde o seu interese por definir un modelo sanitario de consenso para os vindeiros anos. Para acadalo, o conselleiro apelou a colaboración cos profesionais da sanidade, representantes políticos, colectivos sociais, organizacións sindicais e todos os axentes implicados, aos que considera parte fundamental para acadar o éxito en todo este proceso.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 06/09/2017