O conselleiro de Sanidade destaca o momento histórico que está a vivir a profesión de enfermería

Na apertura do curso da Escola Universitaria de Enfermería do Hospital Meixoeiro

Vigo, 8 de setembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou na apertura do curso da Escola Universitaria de Enfermería do Hospital Meixoeiro que este é un momento histórico para a enfermería; xa que se están a desenvolver acontecementos longamente esperados polos profesionais, como o título de Grao Universitario ou o desenvolvemento de especialidades que xa son unha realidade e que posibilitan o acceso a estudos de Mestrado e Doutoramento.

Isto trae consigo, remarcou Almuiña, un grande avance, porque non só incorpora unha mellor formación, senón que tamén permite para a enfermería adquirir unha maior capacitación e, por conseguinte, alcanzar cotas máis altas na calidade dos coidados que se ofertan á cidadanía e noutras áreas de coñecemento como é a investigación propia de toda disciplina científica.

Nun contexto marcado pola continua transformación do sistema sanitario nunca se debe perder de vista aos verdadeiros protagonistas, os pacientes, pois son eles o verdadeiro obxectivo e o eixo do sistema, subliñou o titular da carteira sanitaria do Goberno galego.

Tamén destacou o conselleiro o importante papel dos profesores da Escola Universitaria de Enfermería como formadores de futuros profesionais da sanidade, non só transmitindo coñecementos teóricos ou técnicos, senón tamén en valores imprescindibles para levar a cabo esta profesión. Son eles, dixo, os que axudarán aos estudantes a adquirir os coñecementos, as habilidades e actitudes necesarias para desenvolver o papel que a sociedade demanda e o traballo que a organización sanitaria necesita.

No acto estiveron presentes, así mesmo, o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada, Félix Rubial; a directora de procesos de Enfermería, Pilar Reza; e a directora da Escola Universitaria de Enfermería do Meixoeiro, Victoria Lojo.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 08/09/2017