O 061-Galicia asistiu a 89 persoas por 60 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres 8 de setembro ata as 23,59 horas do domingo 10 de setembro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 68 chamadas por accidentes de tráfico

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2017.- Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 89 persoas debido a 60 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 8 de setembro ata as 23,59 horas do domingo, 10 de setembro. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 30 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 68 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 60 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 89 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 57,5 e 42,5 % respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 31 % dos atendidos tiña entre os 40 e os 54 anos.

Por provincias foi Pontevedra a que rexistrou máis accidentes con 25 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes

A Coruña

23
Lugo
6
Ourense
6
Pontevedra
25
Galicia
60


Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 80. Así, a ambulancia medicalizada acudiu en dous sinistros, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 66 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes. As ambulancias convencionais acudiron en sete sinistros.

En 75 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 13 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto do sinistro.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 11/09/2017