A Xunta mellorará a rede galega de centros de protección de menores a través de axudas para entidades de iniciativa social

A Consellería de Política Social investirá 625.000 euros para esta fin

A iniciativa enmárcase no Programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 e dela poderán beneficiarse un total de 58 centros que ofertan 791 prazas

No marco desta convocatoria serán subvencionables obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas así como a adquisición de novo equipamento

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova liña de axudas dirixidas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para mellorar os recursos da rede galega de centros de protección de menores, a través da cal o Goberno autonómico destinará 625.000 euros para tal fin.

Esta iniciativa, enmarcada no Programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, ten como obxectivo mellorar a calidade da atención recibida para aqueles menores que a través do acollemento residencial se atopan baixo a protección da Xunta de Galicia. Deste xeito, serán subvencionables as obras menores e a adquisición do equipamento preciso na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada.

O Goberno galego concederá, baixo o réxime de concorrencia competitiva, achegas para a realización de obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de protección de menores, así como obras novas de escasa contía que melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios. Tamén a adquisición e mellora do equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade, incluída a compra de mobiliario interior e exterior, de material didáctico e de xogo e de vehículos de transporte, dotación de conexión á internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías no centro (ordenador, encerado dixital, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares).

A achega permitirá financiar ata o 100% do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 15.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras menores e de 10.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula. En ningún caso serán subvencionables os gastos derivados de actuacións de mantemento xeral das infraestruturas nin a substitución de materiais deteriorados polo uso. Tampouco se considerará subvencionable o material consumible ou non inventariable, entendendo por tal aquel cuxa duración estimada sexa inferior a un ano. Así mesmo, non poderán optar a estas achegas aquelas entidades que recibiran axudas financiadas con fondos Estruturais e de Investimento Europeos (EIE) 2007-2013 para o mesmo concepto de gasto.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Data de actualización: 11/09/2017