Conde salienta que a futura Lei de implantación empresarial axilizará os trámites para a autorización de dereitos mineiros

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes da Cámara Oficial Mineira de Galicia e os Clústers da Pizarra e do Granito no marco da rolda de reunións para consensuar este novo marco normativo

Sinala que unha das novidades é que cando un dereito mineiro caduque sairá automaticamente a concurso de xeito individual

O texto, que se prevé aprobar en outubro, busca unha maior simplificación administrativa e ofrecer maiores facilidades no acceso ao solo industrial, así como incentivos para a atracción de novas empresas
 

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe nun encontro con responsables da Cámara Oficial Mineira de Galicia e os Clústers da Pizarra e do Granito que a futura Lei de implantación empresarial permitirá axilizar os trámites para a autorización de dereitos mineiros, ao tempo que se garante a máxima seguridade xurídica durante todo o procedemento administrativo.

Así, na reunión celebrada na Consellería de Economía, Emprego e Industria, que forma parte da rolda de contactos cos principais axentes económicos e sociais para consensuar e mellorar esta normativa, o conselleiro informou aos representantes destas entidades das principais novidades que se introducirán na regulación do sector mineiro a través da futura Lei. Unha delas é que cando caduque un dereito mineiro automaticamente sairá a concurso de xeito individual. Os interesados disporán do prazo dun mes para solicitalo.

Por outra banda, outras das medidas concretas da regulación mineira estarán relacionadas cunha maior especificidade no procedemento: exhaustiva relación da documentación a presentar; e con novidades con respecto aos informes requiridos, xa que os preceptivos terán que entregarse antes do trámite de información pública, así, se son negativos, xa non se someterán á mesma; mentres que os informes de organismos sectoriais terán xa a consideración de autorización.

O conselleiro fixo fincapé en que as tres liñas básicas e xerais desta lei son a simplificación administrativa, reducindo á metade os prazos de tramitación a través dun procedemento único; ofrecer maiores facilidades ás empresas para acceder ao solo industrial; e a creación de máis incentivos para favorecer a chegada de novas compañías á Comunidade. En definitiva, busca poñer as máximas facilidades para que Galicia gañe en competitividade coa creación de novas empresas que contribuirán, ademais, ao fortalecemento de tecido empresarial xa afincado.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/09/2017