A Xunta inviste 2,2 millóns de euros nos nove obradoiros da comarca da Coruña
Comeza o obradoiro “Reserva da biosfera: emprego sostible”, que abre as perspectivas laborais a alumnos de sete concellos

Veciños dos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Betanzos, Coiros e Paderne formaranse en técnicas de fruticultura e sementes en viveiro

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, acudiu hoxe ao acto de apertura e animou aos participantes a aproveitar a oportunidade que ofrece esta iniciativa

Abegondo (A Coruña), 11 de setembro de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou hoxe no acto de apertura do obradoiro de emprego Reserva da biosfera: emprego sostible, que formará durante os vindeiros nove meses a 20 persoas desempregadas dos concellos promotores. Rodeiro estivo acompañado polos alcaldes de Abegondo, José Antonio Santiso; Bergondo, Alejandra Pérez; Carral, José Luis Fernández Mouriño; Betanzos, Ramón García; Coirós, Francisco Quintela, e Paderne, César Longo O concello de Oza Cesuras estivo representado polo seu primeiro Tenente de Alcalde, Andrés Taboada. O acto tivo lugar na casa consistorial de Abegondo.

Os alumnos-traballadores recibirán formación tanto teórica como práctica en fruticultura e produción de sementes e plantas en viveiro, poñendo especial énfase na valorización de espazos públicos e mellora dos servizos municipais. O obradoiro persegue mellorar a empregabilidade dos alumnos-traballadores mediante a realización de obras ou servizos de interese xeral e social relacionados coa prestación de diversos servizos que favorecen a toda a comunidade veciñal, ata adquirir a cualificación para o emprego e experiencia profesional necesaria para desenvolver logo un traballo por conta propia ou allea.

Reserva da biosfera: emprego sostible está financiado pola a Xunta de Galicia a través da Conselleria de Economía, Emprego e Industria, e o seu equipo docente está composto por un director, tres docentes para as dúas especialidades a impartir, unha titora e unha auxiliar administrativa. Ademais dos contidos teórico-prácticos o alumnado recibirá formación complementaria ou transversal en alfabetización informática, sensibilización ambiental, sensibilidade en igualdade de xénero, prevención de riscos laborais, orientación, información profesional e formación empresarial e asistencia técnica e educación básica.

Formación certificada

Ao remate do curso, os alumnos-traballadores recibirán un certificado de capacitación profesional con validez en todo o Estado que lles habilita para empregarse como traballador agrícola de froiteiros, en xeral, fruticultor, traballador agrícola de cítricos, da vide e da oliva, enxertador e podador, viveirista, traballador cualificado por conta propia ou allea en hortas, viveiros e xardíns, en propagación de plantas en viveiro, en cultivo de plantas en viveiro, especialista en recolección de sementes e froitos en altura, en produción de sementes, aplicador de praguicidas de uso fitosanitario e mesmo tractorista-manipulador agrícola.

A comarca da Coruña contará outros oito obradoiros de emprego, cun investimento total de máis de 2,2 millóns de euros. Ademais de Reserva da biosfera: emprego sostible, na área metropolitana coruñesa desenvolveranse sete obradoiros de carácter xeral. Os Concellos de Oza-Cesuras e Coirós impartirán as especialidades de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; Arteixo colabora con A Laracha na promoción dun obradoiro de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, e traballos de carpintería e moble; Aranga e Irixoa, asociados con Monfero e Vilarmaior, formarán alumnos na especialidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio; Betanzos, Abegondo, Carral e Paderne, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, e promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade; Cambre e Sada organizan un de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; e finalmente Miño e Paderne, en colaboración con Pontedeume, formarán, así mesmo, a especialistas en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

Estes sete obradoiros están dotados cun investimento de 280.000 euros cada un e acollerán a 140 alumnos-traballadores. A duración dos obradoiros xerais amplíase este ano por primeira vez de seis a nove meses e está previsto que a maioría comecen ao longo deste mes de setembro.

Por outra banda promoveranse dous obradoiros a través do Sistema de Garantía Xuvenil: un deles da especialidade de traballos de carpintería e moble, organizado por Oleiros, con 15 alumnos-traballadores, e que dispón dun orzamento de 140.000 euros; e o outro a cargo do Concello da Coruña, na especialidade de xestión de sistemas informáticos, para outros 12 rapaces, e dotado con 112.000 euros.

Lección de entendemento

Ovidio Rodeiro fixo fincapé no “obxectivo claro de dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reincorporarse ao mercado laboral”. “Non podemos esquecer ademais”, engadiu, “que grazas a estes obradoiros os beneficiarios accederán a un contrato laboral”. Salientou a importancia da colaboración entre os concellos “para facer unha fronte común na loita polo desemprego, unha tarefa na que estes sete alcaldes están a dar unha lección de entendemento e posta da política ao servizo dos cidadáns”.

O delegado territorial tamén sinalou que “os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade” e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/09/2017