Os peiraos autonómicos recibiron máis de 8.000 embarcacións náutico deportivas en tránsito durante o ano 2016

As dársenas autonómicas galegas incrementaron nun 4% de media o número de embarcacións en tránsito respecto ao mesmo período do ano anterior

Santiago, 4 de xaneiro de 2017
  • whatsapp

Os portos de titularidade autonómica de Galicia recibiron un total de 8.167 embarcacións náutico recreativas en tránsito durante o pasado ano 2016. Así o contempla o balance anual realizado por Portos de Galicia presentado hoxe en Pontevedra polo presidente do ente público, José Juan Durán.

Segundo datos facilitados polos propios xestores, as dársenas autonómicas, comprendidas entre Ribadeo e Tui, incrementaron nun 4% de media o número de embarcacións en tránsito respecto ao mesmo período do ano anterior, no que recalaran nos portos autonómicos un total de 7.860 barcos destas características. Deste xeito, a costa galega confirma a consolidación desta actividade portuaria que vén mantendo unha permanente tendencia á alza nos últimos anos. Polo que respecta ás procedencias das embarcacións en tránsito, maioritariamente foron estranxeiras, con predominancia das francesas, seguidas de británicas.

Nunha análise porto a porto, os clubs náuticos con maior rexistro de tránsitos foron o do porto de Muros, con 686, A Pobra con 500 tránsitos, Ribadeo con 458 e o porto deportivo de Baiona con 456. Por comarcas, a Costa da Morte mantivo as boas cifras dos seus dous portos deportivos con 328 barcos en Muxía e 446 en Camariñas, o quinto posicionado en número de barcos. Tamén destaca o incremento experimentado na ría de Noia, onde se acadaron 868 tránsitos –entre os peiraos de Muros e Portosín–.

A ría de Pontevedra situouse á cabeza desta actividade cun total de 1.253 embarcacións, destacando o porto de Sanxenxo (Nauta Sanxenxo) que pasou das 399 ás 445 embarcacións. Por provincias destaca a de Pontevedra cun rexistro de 2.536 embarcacións.

Novos tránsitos
A captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural da Consellería do Mar, tal como se recolle no Plan estratéxico da náutica recreativa 2012-2020, que Portos de Galicia está levando a cabo. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional. Así, cómpre destacar a participación da Consellería do Mar, en colaboración con Turismo de Galicia, en eventos de referencia no sector do turismo náutico, como o Salón Náutico Internacional Grand Pavois, de La Rochelle, ou o Salón Náutico de París e proximamente os de Dusseldorf, Dublín e Southampton.

De feito, resulta constatable a positiva repercusión destas accións desenvolvidas nos principais eventos náuticos de Francia e que se teñen traducido na consolidación da hexemonía dos tránsitos franceses en Galicia. Ante os bos resultados obtidos, a Consellería do Mar ten previsto dar continuidade a estas accións en base á súa incidencia nas cifras de captación de actividade náutica para os peiraos galegos.

Data de actualización: 04/01/2017