Os sete Grupos de Desenvolvemento Rural da Coruña xestionarán 3,8 millóns de euros en dous anos para apoiar 63 proxectos

Hai todo tipo de iniciativas dende centros de día e escolas infantís ata accións relacionadas co deporte, turismo e o medio ambiente

A conselleira do Medio Rural visitou hoxe o GDR Terras de Compostela para coñecer e poñer en valor o traballo destas asociacións a prol do desenvolvemento local, ao abeiro do programa Leader
 

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2017
  • whatsapp

Os sete grupos de desenvolvemento rural (GDR) da provincia da Coruña xestionarán un total de 3,7 millóns de euros neste ano e no vindeiro para impulsar a estratexia de desenvolvemento local ao abeiro do programa Leader. Estes fondos permitirán levar a cabo polo menos 63 proxectos (os aprobados ata o de agora) de todo tipo: produtivos, agrarios, de carácter social e de ocio que comparten o obxectivo de dinamizar as súas respectivas zonas.

En concreto, a provincia da Coruña contará e acondicionará tres centros de día, unha nova escola infantil, dous proxectos de transporte adaptado e servizo de axuda no fogar, entre outras iniciativas de carácter social. No ámbito do agro apóstase polas enerxías renovables en varios proxectos, construiranse novas naves de almacenaxe e comercialización e levarase a cabo unha plantación de maceiras para sidra, entre outros.

Entre os proxectos empresariais destacan polo seu número os relacionados coas carpinterías, pero hainos de toda índole dende espazos coworking, ata albergues pasando por panaderías, lavanderías e tanatorios. Levarase a cabo tamén con cargo a este orzamento a reforma de varios locais socias e centros cívicos por distintos concellos, así como a execución de espazos multidisciplinares, pistas polideportivas e incluso circuítos BTT, ademais de actuacións de humanización, accesibilidade e proxectos turísticos en distintas zonas.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor estes datos durante a súa visita ao GDR Terras de Compostela, con sede na localidade coruñesa de Vedra, en compañía do alcalde, Carlos Martínez, e o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois.

Rural vivo

A titular da consellería destacou que todos estes proxectos contribúen a acadar o obxectivo xeral de manter un rural vivo, fixando poboación e dinamizando a súa economía. Todo, engadiu, desde un enfoque “de abaixo arriba” característico do Leader, no que a iniciativa de capitanear o desenvolvemento rural parte das propias comunidades locais, organizadas en asociacións como “Terras de Compostela”.

Este GDR naceu en 2008 como asociación sen ánimo de lucro para integrar e representar os diferentes axentes territoriais, tanto públicos como privados, interesados en impulsar os dez concellos que o integran (Santa Comba, A Baña, Negreira, Val do Dubra, Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Boqueixón e Vedra). En total falamos dunha superficie superior as 1.100 quilómetros cadrados.

Actualmente ten uns 13 proxectos en marcha e xestiona un orzamento de 951.922 euros para as anualidades 2017 e 2018. É un dos sete GDR da provincia coruñesa, xunto cos de Ulla-Tambre-Mandeo, Deloa, Ordes, Costa da Morte, Mariñas Betanzos e Seitura.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2017