A Xunta amplía a súa colaboración con Misela mediante o concerto de prazas no centro ocupacional da entidade

A Administración autonómica oferta desde o pasado mes de agosto sete prazas para maiores de 16 anos no servizo de formación para a integración socio-laboral que xestiona a asociación noiesa

Noia (A Coruña), 12 de setembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá as instalacións do centro de día e ocupacional da Asociación Misela, dedicada á atención das persoas con discapacidade das comarcas de Noia e Muros, coa finalidade de coñecer en primeira persoa o funcionamento desta entidade e manter un encontro cos seus responsables. Na percorrido polas instalacións desta entidade tamén participou a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García.

En declaracións aos medios, Rey Varela reiterou o compromiso da Xunta coas persoas con capacidades diferentes e as súas familias, así como coas entidades de toda Galicia que, como Misela, traballan pola integración deste colectivo en todos os ámbitos: familiar, escolar, social e laboral. Neste sentido, o titular de Política Social informou da apertura dunha nova liña de colaboración coa asociación noiesa co concerto de sete novas prazas no centro ocupacional. “O obxectivo é que os rapaces e rapazas con discapacidade que rematan a súa formación escolar teñan acceso a un servizo que faga posible a súa inclusión no ámbito socio-laboral”, manifestou.

Nesta liña, o conselleiro gabou o traballo de Misela, que procura a promoción da autonomía e a integración das persoas con discapacidade a través da mellor atención, así como o asesoramento, a defensa dos dereitos, a prevención de posibles discapacidades, a inclusión laboral e o exercicio físico destas persoas. Todos eles, dixo Rey Varela, “son obxectivos que compartimos desde o Goberno galego”.

A Asociación Misela de persoas con discapacidade das comarcas de Noia e Muros conta con 359 persoas asociadas e arredor de 48 usuarios. Neste momento ten en funcionamento un centro de día de 20 prazas e un centro ocupacional de outras 10 prazas, ambos dirixidos a persoas con discapacidade maiores de 16 anos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2017