A Xunta prepara a saída dos participantes no programa Galeuropa que realizarán prácticas en Irlanda, Italia e Francia

Trátase de 14 mozos e mozas inscritos no proxecto promovido pola Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia (EFA) e que están a recibir formación sociolingüística e cultural previa a saída

Os rapaces e rapazas, todos eles menores de 30 anos, realizarán prácticas non retribuídas durante dous meses e sete días en empresas situadas nas cidades de Cork (Irlanda), Bolonia (Italia) e na rexión de Normandía (Francia)

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, destacou a importancia do programa Galeuropa ao propiciar á mocidade experiencias laborais no estranxeiro que engaden un valor engadido á súa formación e traxectoria profesional, ao tempo que proporcionan máis oportunidades de emprego

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2017
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe cos mozos e mozas participantes no proxecto promovido pola Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia (EFA) no marco do programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa convocado pola Consellería de Política Social.

Trátase de 14 mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que compren a condición de beneficiarios e que nos vindeiros días iniciarán as súas prácticas formativas non retribuídas cunha duración de dous meses e sete días en empresas de Irlanda, Italia e Francia – seis na cidade de Cork (Irlanda), catro en Bolonia (Italia) e outros catro na rexión de Normandía (Francia)-. Estes 14 mozos e mozas están a recibir preparación sociolingüística e intercultural previa á saída.

A contía da axuda por mozo/a está en función do país de realización da práctica formativa e en función da duración da mesma, e inclúe unha axuda para os gastos de aloxamento e manutención e outra para a viaxe. O importe total da aportación económica inclúe para a entidade de envío unha achega á organización da mobilidade (550 euros por participante) e a súa execución, así como outra para a entidade de acollida.

Cecilia Vázquez sinalou que “os programas de mobilidade teñen como finalidade mellorar a formación da mocidade galega, ampliando o currículo laboral a través dunha experiencia internacional”. Neste sentido, explicou que “a mobilidade na formación ten un impacto moi positivo sobre o capital humano, xa que permite que os mozos e mozas adquiran novos coñecementos e competencias, e complementa ensinanzas académicas”. Así mesmo, a directora xeral insistiu en que “unha experiencia formativa no estranxeiro favorece a empregabilidade e pode achegar un valor engadido á formación permanente dos mozos e mozas, á súa traxectoria profesional e proporcionarlle máis oportunidades de emprego”.

O programa de mobilidade trasnacional xuvenil Galeuropa enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. Cun orzamento no ano 2017 de 2.176.515,40 euros, pretende financiar e apoiar á mobilidade da mocidade galega para que realice estadías de prácticas formativas non remuneradas entre dous e tres meses de duración en entidades e empresas públicas ou privadas de 27 países da Unión Europea.

Deste xeito, a través desta iniciativa os mozos e mozas participantes poden recibir axudas individuais, ou ben outórganse achegas a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude ou a proxectos de concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

A titular do departamento autonómico lembrou que nesta última convocatoria, no caso das entidades sen ánimo de lucro foron presentados 26 proxectos, dos que resultaron beneficiarios 15 cun orzamento adxudicado dun millón de euros e un total de 188 mobilidades aprobadas: 72 para Italia, 45 para Portugal, 23 para Irlanda, 12 para Bulgaria, 11 para Reino Unido, cinco para Malta, catro para Polonia, catro para Alemaña, catro para Francia, catro para Chipre e catro para República Checa.

As entidades sen ánimo de lucro beneficiarias con 15 mobilidades aprobadas de tres meses de duración son: Asociación Erasmus Compostela (Santiago de Compostela), Xeración Asociación Cultural (Narón), Sustinea (Ourense), Euroxuventude (A Coruña), Asociación Foro, LC (Oleiros) e a Asociación cultural Ingalicia (A Coruña); con 14 mobilidades de tres meses de duración, a Asociación sociocultural Luenda (A Baña) e a Asociación cultural, recreativa, deportiva e xuvenil Muxema (Negreira); con 12 mobilidades de tres meses de duración a Asociación Universitaria Ciencias da Educación (Ourense) e Amigos da Terra (Ourense); con oito mobilidades de tres meses de duración: Fundación Paideia Galiza (A Coruña), Asociación Fogart (Santiago), Asociación xuvenil e deportiva Joy (Ames) e a ONG Mestura (Culleredo); e finalmente a Federación EFA Galicia con 14 mobilidades de dous meses e sete días de duración.

No caso de entidades locais, foron aprobados os catro proxectos presentados cun orzamento adxudicado de 356.419,09 euros e un total de 67 mobilidades aprobadas: 31 para Reino Unido, 13 para Irlanda, nove para Italia, nove para Finlandia e cinco para Portugal. As entidades locais beneficiarias son: a agrupación de concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces, con 20 mobilidades de tres meses de duración; a agrupación de concellos Negreira- Val do Dubra con 18 mobilidades de tres meses de duración; a Mancomunidade de concellos de Ordes con 20 mobilidades de dous meses de duración; e o Concello de Ourense con nove mobilidades de dous meses de duración.

Na modalidade de axudas individuais, recibíronse un total de 286 solicitudes, dos que resultaron beneficiarios 160 mozos e mozas cun orzamento adxudicado de 674.527,26 euros. Segundo o país de realización das prácticas, estes 160 mozos e mozas realizarán a súa mobilidade nun total de 18 países: 53 no Reino Unido; 38 en Portugal; 16 en Irlanda; 11 en Malta; 10 en Alemaña; cinco en Francia; cinco en Grecia; catro en Italia; tres en Bélxica, Países Baixos e Polonia, respectivamente; dous en Dinamarca e dous en Eslovaquia; e un respectivamente en Austria, Eslovenia, Hungría, Letonia e Suecia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2017