A directora de Turismo presentou hoxe as tres novas rutas para os próximos meses xunto ao xerente da Área Comercial de Renfe e ao presidente do Inorde
Os trens turísticos de Galicia achéganse este outono a Lugo, Ourense e A Coruña tras acadar o 87% de ocupación no verán

‘Lugo Romano’, ‘Ourense termal e de compras’ e ‘Descubrindo A Coruña’ ofrecen seis saídas cun percorrido que combina o turismo urbano e cultural co termalismo

Desde o pasado xuño, preto de 2.000 persoas gozaron desta experiencia, que realizou xa preto de 50 saídas e conta cunha alta valoración dos participantes

A ‘Ruta dos Faros’ e o ‘Tren do Viño Ribeira Sacra’ esgotaron os seus billetes e tamén acadaron rexistros moi positivos os itinerarios que divulgan os pazos, a lamprea e as diferentes denominacións de orixe vitivinícolas da Comunidade
 

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2017.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe a tempada outonal dos Trens Turísticos de Galicia tras realizar o balance da campaña estival, na que as oito rutas dispoñibles superaron unha ocupación do 87%, un novo éxito dun dos produtos turísticos galegos máis valorados polos viaxeiros.

Os itinerarios outonais permitirán aos participantes achegarse a tres cidades e gozar dos variados recursos cos que contan. Trátase dos trens Lugo Romano, Ourense termal e de compras e Descubrindo A Coruña, con saídas programadas para os días 30 de setembro e 7, 14, 21 e 28 de outubro en función da ruta. Os billetes poden adquirirse a través da web de Renfe e nas estacións, con prezos de 40 euros para adultos, 20 para nenos e descontos para grupos. Os interesados atoparán completa información na páxina turismo.gal

“Por primeira vez, as locomotoras non se deteñen co fin do verán, senón que seguen acesas en setembro e outubro con novos destinos e propostas co turismo urbano e de compras, a cultura e o termalismo como eixos”, explicou Nava Castro, acompañada do xerente da Área Comercial e o Servizo de Atención ao Cliente de Renfe, Javier Díaz Trisac, e do presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Rosendo Fernández.

Ata o 28 de outubro
En total, serán seis viaxes que completan a oferta de preto de 60 saídas que comezaron en xuño e que, polo tanto, funcionarán durante cinco meses. O tren Lugo Romano sairá desde A Coruña (con achegamentos gratuítos desde Santiago de Compostela) o 30 de setembro e o 28 de outubro, e inclúe visitas á Casa dos Mosaicos e ao Centro de Interpretación da Muralla, que é Patrimonio Mundial, ademais dunha estancia no Balneario de Lugo.

A ruta Ourense termal e de compras ten saídas os días 7 e 21 de outubro desde Santiago de Compostela (con achegamentos desde A Coruña e Vigo) e ofrece a posibilidade de realizar unha visita guiada polo centro histórico e a Catedral. Despois dun tempo de paseo e de compras polo comercio de proximidade e calidade, os participantes trasladaranse ás termas de Outariz, para gozar das propiedades das augas da segunda potencial termal de Europa.

Pola súa banda, Descubrindo A Coruña partirá o 30 de setembro e o 14 de outubro desde Santiago de Compostela (con achegamentos desde Vigo e Ourense) e inclúe un percorrido polo paseo marítimo, deténdose na Torre de Hércules, tamén Patrimonio Mundial. Despois dunha visita á cidade vella coa praza de María Pita e ao parque monte de San Pedro, a viaxe rematará en Termaria-Casa da Auga, antes de emprender o regreso ao punto de orixe.

Oferta sustentable e de calidade
“Todas estas propostas conforman unha oferta turística de altísima calidade, tranquila e sustentable, os tres adxectivos que mellor definen a Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta coa que Xunta e sector traballamos da man e que está a darnos resultados moi positivos”, subliñou Nava Castro, quen agradeceu a súa colaboración a Renfe e o Inorde.

A directora de Turismo de Galicia lembrou que se realizaron xa 45 saídas con preto de 2.000 persoas a bordo, que permiten facer un balance “moi satisfactorio” da tempada estival. A Ruta dos Faros e o Tren do Viño Ribeira Sacra esgotaron os seus billetes, mentres que a ruta que divulga os pazos galegos acadou o 92% de ocupación e o Tren Ruta da Lamprea, o do Ribeiro-Rías Baixas e o da Ribeira-Sacra Valdeorras superaron o 80%. Finalmente, aproximáronse ao 70% o Tren do Viño das Rías Baixas e o Tren do Viño Monterrei. Algúns destes trens tamén teñen aínda saídas pendentes entre os días 16 e 23 de setembros.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2017