A Xunta apoia ao Concello de Taboada para impulsar novas obras de mellora no polígono industrial e na avenida de Lugo desta localidade

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde, Ramiro Moure, presentou o proxecto de urbanización de dúas novas vías neste espazo de solo empresarial no que se investirán 150.000 euros

Ambos dirixentes supervisaron tamén as obras que se executan na avenida de Lugo, grazas ao convenio asinado coa Consellería de Infraestruturas e Vivenda e que supoñen un investimento de 100.000 euros

Taboada (Lugo), 12 de setembro de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia apoia ao Concello de Taboada co obxecto de impulsar novas obras de mellora no polígono industrial e na execución dos traballos de urbanización da avenida de Lugo desta localidade. Ambas actuacións permitirán mobilizar un investimento conxunto que supera os 250.000 euros.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha visita á localidade na que, acompañado do alcalde, Ramiro Moure, presentaron as obras a executar e supervisaron os traballos xa realizados grazas á colaboración entre ambas administracións.

Melloras no polígono industrial


O primeiro dos puntos obxecto de visita foi o polígono industrial, onde acometerase a urbanización dos viarios 20 e 50 completando así a rede de comunicación interior deste espazo e facilitando a súa conexión coas infraestruturas existentes.

Con este fin o Concello de Taboada benefíciase dunha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria que achegará unha subvención do 80% do custo total das obras a executar que supera os 150.000 euros de orzamento.

As actuacións inclúen desde os correspondentes movementos de terras, ata a execución dos novos pavimentos, así como as imprescindibles dotacións dos servizos de saneamento (rede de augas residuais e pluviais), abastecemento, rede de telefonía e canalizacións eléctricas (incluída a iluminación pública)

No caso da futura vía número 20, a calzada resultante terá 18 metros, distribuídos en dous carrís de circulación en ambas direccións, e un espazo para o aparcamento de vehículos. Ademais a ambos lados disporase de beirarrúas. Solución similar á prevista na futura vía número 50, de 14 metros de lonxitude, en ambos casos pavimentadas con aglomerado asfáltico sobre unha base de 33 centímetros de espesor.

Balseiro puxo de exemplo esta actuación como “iniciativa dirixida a atraer e fomentar a actividade empresarial; e como medida para facilitar o camiño ás empresas que se queiran instalar na localidade e que desexen seguir crecendo no noso territorio e, polo tanto, seguir xerando oportunidades de emprego e riqueza”.

Urbanización da avenida de Lugo


Por outra banda, ambos dirixentes, supervisaron as obras que na actualidade están en plena execución na avenida de Lugo desta localidade. Trátase dunha actuación que consiste na pavimentación con mestura asfáltica en quente en tres treitos deste espazo, previo fresado de toda a superficie. Inclúe tamén a construción de dous pasos de peóns elevados e a renovación da sinalización horizontal co pintado de toda a superficie resultante.

Balseiro sinalou que esta actuación permite “a mellora integral da accesibilidade e mobilidade nesta avenida de grande importancia na localidade, por ser unha das súas arterias principais, así como a humanización dun espazo moi transitado por veciños e viandantes da zona”

A obra execútase ao abeiro dun convenio de colaboración asinado recentemente entre a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e o propio Concello de Taboada.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2017