A Xunta constrúe unha senda peonil nas beiras da estrada AC-840 no lugar de Parada do Concello de Oza-Cesuras

Esta actuación contou cun orzamento de máis de 42.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenrolo Rexional

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as obras e destacou que o Plan de Sendas de Galicia busca unha mobilidade máis sustentable

Oza-Cesuras (A Coruña), 12 de setembro de 2017
  • whatsapp

A Xunta está executando a construción dunha senda peonil no lugar de Parada, entre os quilómetros 9,360 e 9,770 nas beiras da estrada AC-840, no concello coruñés de Oza-Cesuras. O proxecto conta cun orzamento de licitación de 42.314 euros, cofinanciados con Fondos FEDER.

Nesta actuación estanse a construír 410 metros de senda de formigón coloreado pola marxe esquerda da estrada. Esta infraestrutura ten un ancho de 1,8 m e compleméntase cos elementos necesarios para a recollida das augas de drenaxe. Ademais, tamén conta cun novo sistema de alumeado. A actuación responde a unha solicitude realizada polo Concello de Oza-Cesuras para a construción dunha senda peonil desta zona do municipio.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a promover sendas útiles, sustentables e saudables para que os veciños poidan empregar as estradas de xeito seguro e accesible, ao tempo que mellora a seguridade de todos os usuarios da vía. O Plan de Sendas de Galicia concreta a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís. O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, destinará este ano un total de 10,5 millóns de euros ao Plan, que xa dispón de 40 proxectos aprobados.

O delegado territorial da Xunta na Coruña. Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá os traballos acompañado polo alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González Cacheiro, e sinalou que “a través deste plan, a Xunta márcase como obxectivo incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, ao tempo que busca promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular”.

Rodeiro tamén lembrou que esta non é a única actuación que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda realiza este ano nesta vía, xa que “o Plan de reforzos de firme nas estradas autonómicas mellorou a fondo neste pasado mes de agosto a estrada AC-840 ao seu paso por Oza-Cesuras, nunha actuación onde foron investidos arredor de 250.000 euros en reasfaltados e sinalización horizontal e vertical”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2017