A conselleira do Mar clausurou hoxe en Vigo a VIII Conferencia Mundial do Atún
Rosa Quintana enxalza o esforzo e a cooperación do sector conserveiro de Galicia

Destacou o labor de Anfaco-Cecopesca por facer de Galicia o paradigma da industria conserveira a nivel nacional e internacional

Sinalou que o Plan estratéxico da industria conserveira galega horizonte 2020 ten seis eixos reitores que coinciden coas materias tratadas nesta conferencia

Entre estes eixos están a importancia de manter e facilitar o acceso ás materias primas e aos recursos, a consolidación das estruturas empresariais locais e a necesidade de reforzar a competencia internacional e a capacidade exportadora
 

  • whatsapp

Vigo, 12 de setembro de 2017.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe en Vigo o traballo, o esforzo e a cooperación do sector conserveiro de Galicia. Unhas características, incidiu, que necesitan de responsabilidade e de compromiso. Foi no marco da clausura da VIII Conferencia Mundial do Atún, onde tamén amosou o seu optimismo ante este evento “polo éxito da organización, da participación e pola posta en valor conxunta e a transferencia de coñecemento entre os axentes implicados do sector”.

En relación ao traballo do sector conserveiro, a titular de Mar lembrou que Galicia é a primeira rexión europea e a segunda mundial na produción de conserva de atún. Neste eido destacou o labor de Anfaco-Cecopesca “por facer de Galicia o paradigma da industria conserveira a nivel nacional e internacional”. Tamén, engadiu, por “establecer o rumbo de Galicia, fundamentalmente, e de España cara ao liderado mundial na transformación e comercialización dos produtos da pesca e da acuicultura”. Unhas claves, dixo, “que permiten seguir celebrando a Conferencia mundial do atún na nosa terra”.

Neste sentido, Rosa Quintana subliñou que Galicia é responsabilidade, porque “coñecemos de primeira man as preocupacións do sector, os retos que debe afrontar e as súas necesidades e sabemos da importancia de reforzar as súas capacidades competitivas e de afianzar a súa posición de mercado”. Para iso, sinalou que é clave o compromiso. Nesta liña manifestou que Galicia incrementará o peso da industria transformadora no conxunto da economía galega, mellorará a súa posición competitiva e consolidará o seu liderado mundial.

Unha ferramenta clave para acadar estes obxectivos é o Plan estratéxico da industria conserveira galega horizonte 2020, presentado no mes de agosto e que é froito da colaboración entre a Administración e a industria conserveira galega. Esta folla de ruta, destacou a conselleira, “ten seis eixos reitores que coinciden coas materias tratadas nesta conferencia”.

Dentro destas seis liñas están a importancia de manter e facilitar o acceso ás materias primas e aos recursos, a consolidación das estruturas empresariais locais e a necesidade de reforzar a competencia internacional e a capacidade exportadora. As outras tres liñas son a atención aos novos paradigmas de consumo, o impulso da competitividade coa implantación da innovación tecnolóxica nas cadeas de produción, distribución e comercialización e nos produtos e o mantemento do crecemento, a estabilidade e a calidade do emprego.

A conferencia
A Conferencia Mundial do Atún, celebrada hoxe e onte en Vigo, converte á cidade olívica na capital mundial do sector atuneiro, conserveiro e transformador dos produtos do mar e as súas industrias auxiliares. É de carácter bianual e reúne a máis de 300 directivos que dirixen empresas atuneiras radicadas nos cinco continentes, concentrando máis do 90% da produción mundial. Enmárcase no ámbito do Foro Internacional de Conservación de Produtos da Pesca, creado por ANFACO-CECOPESCA no 1995.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 12/09/2017