Conde sinala que ser autónomo en Galicia é hoxe máis doado que en 2009 ao contar cun marco fiscal e social máis favorable e igualitario

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, compareceu hoxe no Parlamento para expoñer as medidas da Estratexia Autónomo 2020

A finais de mes avanza que se porán en marcha as axudas para colaborar na conciliación da vida familiar dos autónomos tras o permiso de maternidade ou paternidade e explicou que o plan de relevo xeracional se está a perfilar co sector

Conde afirma que nove de cada 10 euros dos fondos previstos nesta planificación, dotada con 40 millóns ao ano, xa están activados a día de hoxe

O titular de Economía asegura que o obxectivo da Xunta é seguir ofrecendo “as máximas facilidades” a este colectivo para emprender e crecer creando un contorno laboral máis flexible, con menos barreiras e máis incentivos

Destaca que Galicia é unha terra de oportunidades explicando que se duplicaron desde 2009 as iniciativas empresariais de menos de seis meses promovidas por autónomos e case 9000 galegos máis decidiron poñer en marcha un negocio

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, compareceu hoxe no Parlamento para explicar as principais medidas das que se están beneficiando os traballadores por conta propia en Galicia a través da Estratexia Autónomo 2020 que, cun orzamento de 160 millóns de euros para os vindeiros catro anos, pretende axudar a 40.000 persoas pertencentes a este colectivo.

Conde sinalou que os autónomos son “a columna vertebral da economía galega” e, por iso, explicou que a Xunta está a poñer ao seu alcance as maiores facilidades para que poidan seguir emprendendo e crecendo. De feito, afirmou que “ser autónomo en Galicia é hoxe máis doado que en 2009” ao contar cun marco normativo fiscal e social máis favorable e igualitario. Desde 2009, duplicáronse as iniciativas empresariais de menos de 6 meses promovidas por autónomos e case 9000 galegos máis decidiron iniciar un negocio.

Entre as ferramentas que melloran a calidade de vida deste sector, Conde referiuse, á Estratexia Autónomo 2020 con 20 medidas a día de hoxe practicamente executadas ao 100%: nove de cada 10 euros dos fondos previstos nesta planificación, dotada con 40 millóns ano ano, xa están activados e nas próximas semanas, segundo afirmou Conde, completaranse coa posta en marcha doutras medidas como as axudas para colaborar na conciliación da vida familiar tras o permiso de maternidade ou paternidade.

Explicou, ao respecto desta medida, que a Xunta ampliará en 16 semanas adicionais a bonificación do 100% da cota da Seguridade Social da persoa contratada cando un autónomo ou autónoma teña un fillo ou filla. Esta iniciativa será presentada mañá mesmo ao Consello Galego de Relacións Laborais para o seu ditame, polo que a previsión é que este mesmo mes poda ser aprobada polo Consello da Xunta. “Este apoio suporá un paso fundamental cara á equiparación de dereitos cos traballadores por conta allea”, subliñou Conde. Esta actuación complementará o feito de que as traballadoras autónomas, tras a baixa maternal, tamén poderán gozar da tarifa plana durante un ano.

Esta iniciativa forma parte das cinco medidas da estratexia que fan de Galicia “unha Comunidade pioneira no apoio a este colectivo”, tal e como apuntou o titular de Economía. Ademais dos apoios para conciliar, o Goberno galego está a perfilar coas asociacións do sector o programa de relevo xeracional para garantir a continuidade dos negocios que son solventes e favorecer a incorporación da mocidade ao emprego autónomo.

As outras tres medidas ás que se referiu o conselleiro e que neste caso xa están en activo son o Bono e a Oficina do Autónomo e a tarifa plana. Con respecto, ao bono lembrou que está destinado a axudar a consolidar os negocios cunha axuda máxima de 3000 euros para os traballadores que leven, polo menos, 42 meses de actividade para reforzar a profesionalización do seu negocio e a mellora da competitividade. Tras o peche do prazo de presentación de solicitudes o pasado 31 de agosto recibíronse 2224 peticións.

Tarifa plana


A tarifa plana, unha axuda publicada xa no DOG, beneficiará con 3 millóns a 6.000 persoas, que poderán manter durante medio ano máis a cota reducida á Seguridade Social pagando, deste xeito, só 50 euros durante o seu primeiro ano de actividade. Esta medida permite que os autónomos que se constitúan en 2017 teñan o mesmo trato que os que o fagan unha vez que entre en vigor a nova normativa do Estado, dando así cumprimento, tal e como recalcou Conde, ao acordo adoptado na Mesa do Autónomo. Ademais, estes traballadores, grazas ás medidas do Estado, poderán seguir beneficiándose a partir do ano que vén dunha tarifa plana dun ano que, ademais, no caso dos menores de 30 anos e das mulleres de ata 35, estenderase aos 36 meses. Por último, Conde lembrou que a Oficina do Autónomo, xa en marcha, recolle todos estes servizos. Destacou que é un punto de información e de xestión integrado, “unha verdadeira oficina virtual” que conecta coa sede electrónica da Xunta.

Conde tamén recordou outras ferramentas ao alcance dos autónomos. Hoxe, con carácter xeral, afirmou que non é necesario dispoñer dunha licencia previa á apertura dun negocio; existen incentivos fiscais, como os impostos cero no rural, que reducen as cargas; e unha rede de aceleradoras que apoia a calquera persoa que teña unha idea de negocio con potencial. Ademais, engadiu que calquera traballador por conta propia que sexa provedor da Xunta cobra as súas facturas con máis axilidade: 23 días antes que a media estatal.

Así mesmo, referiuse ás axudas tradicionais xa publicadas este ano como son os apoios para o establecemento como traballador por conta propia e para a contratación indefinida, que contan con 18,2 millóns de euros e se poden solicitar ata o 2 de outubro. Tamén lembrou as axudas do Igape e puxo en valor o programa de formación específico para autónomos con 3,5 millóns, “unha oportunidade para reciclar o currículo laboral”, matizou.

Para rematar, o conselleiro de Economía indicou que o Goberno galego seguirá traballando para darlle a este sector as máximas facilidades para emprender e crecer, para crearlles un contorno laboral máis flexible, con menos barreiras e máis incentivos “Galicia é unha terra emprendedora e o reto que temos agora por diante é consolidar os datos que sitúan a Galicia no camiño da recuperación económica axudando ás empresas a seguir exportando, innovando e a crear emprego de calidade”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2017