Conde apunta que a Lei de implantación vai permitir gañar masa industrial e facer máis competitivos os sectores estratéxicos

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes dos clústers galegos dentro da rolda de contactos para consensuar a normativa

Búscase incorporar as achegas dos principais protagonistas do tecido económico para que o texto atenda todas as realidades posibles e sexa un exemplo de transparencia e pluralidade

O emprego, a competitividade e o investimento son os tres retos da norma para que en Galicia sexa máis doado crecer como empresa

Os concellos que ofrezan bonificacións e facilidades administrativas para a tramitación de novos proxectos contarán con discriminación positiva en diferentes axudas da Xunta
 

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a Lei de implantación empresarial vai permitir gañar masa industrial en Galicia, xerar novos postos de traballo e incrementar o tamaño e a competitividade dos sectores estratéxicos.

Conde mantivo un encontro con representantes dos principais clústers galegos, entre os que se atopan o do naval (Aclunaga), o da automoción (Ceaga) ou o do agroalimentario (Clusaga), dentro da rolda de contactos cos diferentes axentes sociais e económicos para consensuar a norma, que prosegue o seu trámite parlamentario logo de que onte o Parlamento galego aprobase a súa toma en consideración.

O conselleiro, que pola tarde se reunirá tamén coa Asociación de empresarios da primeira transformación da madeira de Lugo, salientou que o obxectivo é abrir aos principais sectores socioeconómicos de Galicia o texto normativo para que poida dar unha resposta integral ás súas necesidades. Neste sentido, búscase incorporar as achegas dos principais protagonistas do tecido económico galego para que a lei atenda todas as realidades posibles e sexa un exemplo de transparencia e pluralidade.

Conde fixo fincapé en que a norma busca “permitir que Galicia sexa un lugar onde a tramitación administrativa non sexa un obstáculo senón que dea respostas para que os proxectos se poidan desenvolver en tempo e forma cubrindo en todo momento as esixencias desde o punto de vista medioambiental e urbanístico e o conxunto da normativa sectorial que ten que cumprir calquera proxecto”.

Neste sentido, o conselleiro fixo fincapé en que emprego, competitividade e investimento son os tres retos desta lei para que en Galicia sexa máis doado crecer como empresa. Así, afondarase na simplificación, con menos barreiras administrativas, a través dun procedemento único para obter as autorizacións pertinentes, e daranse máis facilidades para adquirir solo industrial. Tamén se poñerán en marcha máis incentivos, como bonificacións fiscais e exencións de impostos para as empresas que queiran instalarse.

Neste punto, o conselleiro sinalou que os concellos teñen un papel importante na tramitación administrativa e tamén na fiscalidade que se aplica aos proxectos empresariais. Por iso, en paralelo á tramitación da Lei, o Goberno galego trasladoulle á Fegamp unha proposta de convenio para que os concellos de forma voluntaria poidan ofrecer bonificacións e facilitar as tramitacións administrativas vinculadas á implantación de novos proxectos empresariais. Os municipios que se adhiran a esta iniciativa poderán á súa vez contar con discriminación positiva en determinadas ordes de axudas para a mellora dos parques empresariais, a formación ou o emprego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2017