A Xunta facilitará a contratación dunha vintena de perceptores da Risga no concello de Lugo

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que o Goberno galego financia a totalidade dos custes salariais e de Seguridade Social destas persoas

Lugo, 12 de setembro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria subvencionará ao Concello de Lugo a contratación de 20 perceptores da Risga (da renda de integración social de Galicia) que, ao longo dos próximos meses, se encargarán de reforzar diversas tarefas de interese e utilidade social.

Así o explicou esta mañá o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que tamén avanzou que a medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas e evitar a súa cronificación nunha situación de exclusión.

En Lugo a Xunta autoriza a contratación dun encargado, tres oficiais e 16 peóns para o servizo municipal de Obras. En concreto, o Goberno galego achega para este fin máis de 141.126 euros que servirán para financiar a totalidade dos custos salariais destas persoas, incluída a cotización a Seguridade Social.

“Para estas 20 veciñas e veciños de Lugo este apoio autonómico representa unha oportunidade laboral ademais dun cambio significativo, xa que grazas a esta iniciativa do Goberno galego, pasarán de percibir a Risga a obter un salario polo traballo satisfeito”-explicou o delegado territorial.

Os beneficiarios desta iniciativa serán aqueles perceptores da RISGA que estean inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados. Entre eles, terán preferencia aqueles que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral, conten con cargas familiares ou dispoñan de máis de 45 anos.

O delegado territorial do Goberno galego concluíu incidindo en que esta medida ten como obxectivo conseguir a inserción laboral e a mellora da empregabilidade dos colectivos máis vulnerables, partindo da premisa de que a mellor política social é o emprego.
 

Data de actualización: 13/09/2017