A Xunta destaca o traballo conxunto que se leva a cabo nos Centros de Información á Muller como exemplo de cooperación entre administracións

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o CIM de Boqueixón, un centro compartido que tamén presta servizo ao Concello de Touro

Neste centro recibíronse preto de 100 consultas e atenderon 63 persoas durante o pasado ano

Galicia conta con 82 CIM espallados por toda a Comunidade, que prestan información e asesoramento á cidadanía

Boqueixón (A Coruña), 13 de setembro de 2017
  • whatsapp

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o traballo conxunto que se leva a cabo nos Centros de Información á Muller (CIM), como exemplo de cooperación entre Xunta e concellos e tamén entre os propios concellos, como é o caso dos centros compartidos.

Alfonso Rueda, acompañado da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta maña o centro para coñecer de primeira man o labor que levan a cabo a prol das mulleres as profesionais que traballan nel, en concreto unha asesora xurídica e unha psicóloga. Neste centro o pasado ano recibíronse preto de 100 consultas e atenderon 63 persoas.

Galicia conta con 82 CIM espallados por toda a comunidade, que prestan información e asesoramento á cidadanía e que levan a cabo especialmente un labor imprescindible na prevención e na loita contra a violencia de xénero.

O Goberno galego modificou o decreto que regula os CIM, tras un consenso parlamentario, para mellorar aínda máis a atención nos servizo que prestan aos cidadáns, priorizando sempre a loita contra a violencia de xénero e estendendo a atención aos menores ou maiores dependentes destas mulleres e ampliando o labor dos CIM ao colectivo LGTBI. .

Hai que ter en conta que no caso dos CIM como noutros servizos de carácter municipal, desde a Xunta promóvese a cooperación e a prestación compartida do servizo entre varias entidades locais, coa finalidade de conseguir unha mellor racionalización, eficiencia e eficacia na asignación e na utilización de recursos públicos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2017