A Consellería do Mar acomete por cuarto ano a limpeza de varias dársenas da provincia da Coruña

A actuación desenvolverase este ano nos portos de Camariñas, Fisterra, Corme (Ponteceso), Muros e Lorbé (Oleiros)

Camariñas (A Coruña), 13 de setembro de 2017
  • whatsapp

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, levará a cabo a limpeza das dársenas dos portos de Camariñas, Fisterra, Corme (Ponteceso), Muros e Lorbé (Oleiros). Esta actuación enmárcase na cuarta fase do plan de limpezas que o ente público puxo en marcha no ano 2013 por primeira vez e que retoma de novo este ano con diversas accións ao longo das vindeiras semanas.

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, presentou esta mañá na confraría de Camariñas, esta nova edición do programa de limpeza que se desenvolverá en diversos puntos do litoral galego. Durán Hermida destacou que “a experiencia acumulada nos anos anteriores indica a necesidade de continuar con esta iniciativa que permite retirar dos fondos mariños residuos materiais que nunca deberon chegar ao mar”.

Así mesmo, engadiu que Portos de Galicia leva a cabo este tipo de actuacións con carácter regular para mellorar a seguridade nas augas interiores e impulsar a protección da fauna mariña, que pode ser afectada seriamente pola acumulación de residuos nos fondos mariños. “Deste modo refórzase a sustentabilidade ambiental dos peiraos de titularidade autonómica, unha das liñas de traballo estratéxicas do ente público”.

A limpeza das dársenas implica a recollida selectiva de obxectos do fondo mariño dentro das augas interiores do porto. Non se trata dunha dragaxe, senón da recollida de residuos, que se atopan no leito mariño producidos pola caída accidental dos mesmos ou por outras razóns. Con esta acción preténdese sumar á limpeza en terra a limpeza no fondo do mar e mellorar ademais a imaxe das instalacións.

O equipo de traballo que se encargará da limpeza nestas dársenas da provincia da Coruña está formado por mergulladores e como medios mecánicos contarán cun barco con grúa. Ademais, a empresa estará coordinada en terra coa encargada da limpeza de Portos de Galicia, que terá preparados os contedores para o depósito dos residuos en terra e realizará a súa xestión selectiva.

Pola experiencia levada a cabo nos pasados anos, entre os residuos que se acumulan nos fondos mariños, atópanse diversos obxectos de medianas e grandes dimensións, como restos de embarcacións, rodas das defensas dos peiraos, cadeas, cabos e ata elementos de tipo doméstico. Ademais, nas limpezas anteriores retiráronse restos da propia actividade portuaria que accidentalmente acaban no fondo do mar, como son caixas de peixe ou cabos desprendidos de embarcacións atracadas no peirao.
 

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 13/09/2017