Cores Tourís destaca a nova orde do Aprol Rural que destinou en 2016 máis de 147.000 euros aos concellos da comarca de Caldas

Esta iniciativa incentiva a contratación de 500 desempregados durante nove meses a tempo completo en concellos do rural de menos de 10.000 habitantes para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social co obxectivo de mellorar as súas oportunidades laborais

A Administración autonómica financiará o 100% dos custes salariais totais con contías que, segundo o grupo de cotización, poderán oscilar entre os 9000 e 16.200 euros

Terán preferencia os colectivos prioritarios en todas as políticas activas de emprego do Goberno galego, como son os menores de 30 anos, as mulleres, as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e as persoas con toda a súa unidade familiar en paro

Na provincia de Pontevedra destináronse o ano pasado 541.789 euros a 25 concellos que contrataron a un total de 86 desempregados

Pontevedra, 13 de setembro de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá a aprobación no Consello da Xuna da nova orde do Aprol Rural da Consellería de Economía, Emprego e Industria que incentiva a contratación de desempregados nos concellos do rural de menos de 10.000 habitantes e que no 2016 destinou 147.200 euros a municipios da comarca de Caldas.

O delegado territorial explicou que a Xunta acaba de aprobar o investimento de cinco millóns de euros para impulsar en 200 concellos do rural a contratación de máis de 500 persoas sen emprego a través de Aprol Rural. A iniciativa está dirixida a entidades locais con menos de 10.000 habitantes co obxectivo de mellorar as oportunidades laborais do rural e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia.

Deste xeito, no 2016, na comarca de Caldas, beneficiáronse os concellos de Catoira, Caldas de Reis, Cuntis, Portas, Valga e Moraña, que puideron así contratar a 24 desempregados durante nove meses a tempo completo. Na provincia de Pontevedra o montante total destas axudas foi o ano pasado de 542.000 euros cun total de 86 beneficiarios.

Na convocatoria deste ano a Xunta introduce melloras con respecto a 2016, cando se puxo por primeira vez en marcha este programa. Así, increméntase de 6 a 9 meses a duración dos contratos e do 80% ao 100% o financiamento dos custes salariais totais.

Tal e como explicou o delegado territorial, mantense na nova convocatoria que as contías por cada traballador contratado poidan oscilar entre os 9.000 e 16.200 euros segundo o grupo de cotización do que se trate. “Terán preferencia nas contratacións os colectivos prioritarios en todas as políticas activas de emprego que desenvolve o Goberno galego, como son as mulleres, os menores de 30 anos, as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e aquelas persoas pertencentes a unha unidade familiar con todos os seus membros en paro”, engadiu Cores Tourís. Os traballadores e traballadoras a contratar deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

Na convocatoria deste ano a Xunta introduce melloras con respecto a 2016, cando se puxo por primeira vez en marcha este programa. Así, increméntase de seis a nove meses a duración dos contratos e do 80% ao 100% o financiamento dos custes salariais totais.

Aprol Rural forma parte do programa Formación e Emprendemento no rural que este ano activou a Consellería de Economía, Emprego e Industria con 30 millóns para fixar poboación nas zonas menos habitadas de Galicia.

Do que se trata con este programa é de incentivar a contratación nestas localidades, incrementar a oferta formativa no rural adaptada á demanda das empresas e aumentar os niveis de emprendemento e de creación de empresas con medidas xa postas en marcha como a Formación á porta, os laboratorios cooperativos ou a liña de axudas Galicia Emprende Rural.

Esta iniciativa se enmarca na Axenda 20 para o Emprego coa que se está a impulsar a calidade e estabilidade no mercado laboral ata 2020. A planificación do Goberno galego en materia laboral pretende a creación de polo menos 80.000 novos empregos e reducir a taxa de paro ata o 10%.