A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, fixo entrega hoxe dos diplomas aos participantes no programa
A Xunta e a mancomunidade de Ordes facilitan o contacto da mocidade co mundo laboral a través de ‘Deseñando o teu futuro’

41 mozos e mozas participaron nesta iniciativa a través da cal realizaron estadías visitas de 15 días en empresas de diversos sectores

O departamento autonómico investiu neste proxecto na comarca de Ordes preto de 3000 euros

Ordes (A Coruña), 13 de setembro de 2017
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, fixo entrega esta mañá dos diplomas acreditativos aos 41 mozos e mozas que participaron no proxecto promovido pola Mancomunidade de municipios da comarca de Ordes no marco da convocatoria do 2017 do programa Deseñando o teu futuro.

O proxecto, aprobado por este departamento autonómico, conta cun orzamento de 2.850 euros para 15 rapaces e rapazas, facéndose cargo a Mancomunidade dos custes da participación dos 26 participantes restantes.

Cecilia Vázquez sinalou que “este proxecto é un exemplo de unión de esforzos e medios entre administracións para ofrecer á mocidade ferramentas para a mellora da súa formación, para axudalos a adquirir a combinación correcta de capacidades a fin de preparalos para a vida e o traballo”. Na súa intervención, a titular autonómica lembrou que esta Mancomunidade, creada no ano 1976 e integrada por Frades, Ordes, Mesía, Trazo, Oroso, Tordoia e Cerceda, é a máis antiga de Galicia.

O proxecto promovido pola Mancomunidade de municipios da comarca de Ordes contou coa colaboración do IES nº1 de Ordes, o IES Maruxa Mallo de Ordes, a ANPA do CPI Ponte Carreira de Frades e a ANPA do CPI Xanceda de Mesía.

Os participantes realizaron entre os meses de agosto e setembro as súas estancias visitas de 15 días de duración, cunha xornada de catro horas diarias, en empresas de diversos sectores: administración pública, educación, industria, servizos, administrativo, comercio e hostelería. As empresas da comarca que se sumaron a esta iniciativa e nas que os mozos e mozas realizaron a súa estancia visita son: Vagalume, Casa Grande de Xanceda, S.A.T., Automoción FIAT, Casa Faya, Asesoría López Brey, Bicoca, Carpintería Sanjurjo, S.L., Farmacia Pilar Cristín, electricidade María Jesús Bouzas Fernández, Panadería Míguez, S.L., Sigüeiro Impresiones, PAC Tordoia, Ganadería Xesvar, S.A.T., Carnicería Area central e nas dependencias do Concello de Ordes.

O programa Deseñando o teu futuro é unha iniciativa de educación non formal a través da cal mozos e mozas de entre 14 e 18 anos poden realizar pequenas estadías titorizadas en centros de traballo. Un proxecto de aproximación dos mozos e mozas galegos ao ámbito sociolaboral coa finalidade de que se acheguen á realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estancias – visitas en distintos sectores das empresas.

A responsable de Xuventude do goberno galego sinalou que “a finalidade deste programa é ofrecer á mocidade unha experiencia de educación non formal, poñer a súa disposición unha ferramenta que lle facilite e ou clarifique a toma de decisión do seu futuro perfil profesional, para que coñezan a realidade da empresa previamente a decidir a súa traxectoria formativa profesional”.

As estadías visitas en empresas teñen unha duración mínima de cinco días e máxima de quince días hábiles e se establece unha xornada mínima diaria de catro horas. o número máximo de mozos participantes por proxecto non pode exceder de 15.

A cantidade subvencionable a cada entidade e concello ou agrupación de concellos se calcula a razón de 6 euros por participante día, para cubrir os gastos de manutención e desprazamento do mozo ou da moza e 100 euros por participante para cubrir os custos derivados da organización das estadías-visitas.

No marco deste programa no 2017 se financian 25 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, que facilitarán que un total de 358 mozos e mozas realicen estadías visitas en empresas.

A titular do departamento autonómico rematou a súa intervención agradecendo a implicación dos concellos e das empresas que se sumaron a este proxecto e felicitando especialmente aos mozos e mozas participantes manifestando o seu desexo de que “esta experiencia vos axude a seguir medrando no voso desenvolvemento persoal, académico e profesional”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2017