Ethel Vázquez salienta que o transporte escolar compartido é unha oportunidade para facilitar a mobilidade no rural galego e ofrecer máis e mellores servizos

Vázquez Mourelle explicoulles aos veciños de Melide que xa están funcionando cinco rutas compartidas, correspondentes aos centros de infantil e primaria, e as outras tres poranse en marcha o venres co inicio do curso nos institutos

Concretoulles que hai unha liña compartida desde Golán ao instituto e continúa ata o centro urbano, saíndo a primeira hora e volvendo ás 14,15 horas, e outra de tarde, luns e mércores, con ida cara Melide sobre as 15,30 e volta ás 18,00 horas

Sinala que con esta modalidade os alumnos teñen blindada a atención ás súas necesidades e os veciños ven incrementadas as posibilidades de desprazamento desde as aldeas ata o centro urbano, onde se concentran os servizos

Subliña que a Xunta busca que este servizo sexa coñecido e empregado de forma habitual pola xente nos seus desprazamentos cotiás ao centro de saúde, á farmacia, ao banco ou á Casa do Concello

Destaca que o Goberno galego continúa a traballar para informar aos veciños dos novos servizos, a través de encontros coma este, en colaboración co Concello de Melide, algo que deberían impulsar todos os municipios galegos

Melide (A Coruña), 13 de setembro de 2017
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Melide, Dalia García, mantiveron hoxe un encontro cos veciños para explicarlles as vantaxes do transporte escolar compartido, que é unha oportunidade para facilitar a mobilidade no rural galego e ofrecer máis e mellores servizos.

Vázquez Mourelle trasladoulles aos veciños de Melide que dispoñen de oito liñas de transporte escolar compartido, nos tres CEIP existentes e tamén no IES, sendo este o 3º concello da provincia da Coruña con máis rutas compartidas. Xa están funcionando cinco, as correspondentes aos centros de infantil e primaria, onde se iniciou o curso este luns e outras tres, que van ao IES, poranse en marcha este venres, cando comeza o curso escolar nos centros de secundaria.

A responsable de Infraestruturas puxo como exemplo que hai unha liña compartida que vén desde a zona noroeste do concello, de Golán, ata o IES e continúa logo ata o centro de Melide, posibilitando que a xente das parroquias polas que pasa esta ruta escolar teñan un autobús que os leva ata Melide á primeira hora da mañá e de volta ás súas casas arredor das dúas e cuarto da tarde. Ademais, tamén hai un servizo de tarde os luns e os mércores, con ida cara Melide sobre as 15,30 horas e volta a partir das 18,00 horas.

Ethel Vázquez indicou que con esta modalidade os alumnos teñen blindada a atención ás súas necesidades, porque os nenos son o primeiro, manténdose intactos os horarios, as paradas e os itinerarios de transporte escolar. Engadiu que este sistema tamén permite empregar as prazas vacantes existentes, ofrecendo máis facilidades aos veciños e incrementando as súas posibilidades de desprazamento desde as distintas parroquias e aldeas ata o centro urbano, onde se concentran servizos e equipamentos.

Cómpre lembrar que as liñas de transporte escolar teñen unha rede máis extensa, en paradas e en quilómetros, dando cobertura aos alumnos de moitas parroquias, polo que o uso das prazas baleiras por parte do avó, do pai, ou do veciño da casa do lado do alumno, incide positivamente na mellora da mobilidade, nunha maior conexión interna e na vertebración dos núcleos de poboación máis pequenos.

Unha vez que este sistema de transporte escolar compartido está a funcionar con normalidade e a cumprir o seu obxectivo prioritario, que é que os rapaces cheguen ao colexio e regresen ás súas casas no horario previsto, a Xunta busca que este servizo sexa coñecido e sexa empregado de forma habitual pola xente nos seus desprazamentos cotiás: ao centro de saúde, á farmacia, ao banco ou á Casa do Concello.

A titular de Infraestruturas salientou que a Xunta continúa a traballar para contribuír a este obxectivo, promovendo encontros coma este, en colaboración co Concello de Melide, para informar aos veciños dos novos servizos, algo que deberían impulsar todos os municipios galegos, ou poñendo á disposición dos usuarios, a través da páxina da consellería, a información relativa ás 513 rutas de transporte escolar compartido.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2017