A Xunta adxudica tres vivendas na Coruña e Ribeira a outras tantas familias en situación de emerxencia social

No que vai de 2017 completouse o realoxo de 56 familias en vivendas propiedade do IGVS ou cedidas polas entidades financeiras coas que se manteñen convenios

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2017
  • whatsapp

A Comisión Provincial de Vivenda da Coruña propuxo a adxudicación directa de tres vivendas a outras tantas familias en situación de emerxencia social, derivada en dous casos do impago do alugueiro. As vivendas atópanse nos concellos da Coruña e Ribeira.

Unha das vivendas emprazadas na Coruña adxudicarase a unha familia actualmente residente en Culleredo. A outra vivenda da Coruña e a de Ribeira adxudicáranse a familias residentes nos mesmos concellos.

Unha vez que as vivendas sexan adxudicada pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda asinaranse os contratos de alugueiro e entregaranse as chaves das mesmas aos adxudicatarios.

A mesa da Comisión Provincial de Vivenda xa propuxera a semana pasada a adxudicación directa doutras tres vivendas nos concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol. Neste casos tratábase de dúas vivendas de promoción pública propiedade do IGVS (A Coruña e Santiago) e outra cedida por Abanca (Ferrol).

No que vai de 2017 xa se realoxou a 56 familias en vivendas propiedade do IGVS ou cedidas por Abanca, Sareb e CaixaBank, o que supón unha vivenda adxudicada cada cinco días. A estas familias hai que sumar as beneficiadas polo Bono de Alugueiro Social e outras medidas adoptadas pola Administración autonómica.

Ao abeiro das 12 medidas adoptadas pola Xunta fronte aos desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda xa foron atendidos máis de 1200 casos en toda Galicia.