A Xunta de Galicia garante a atención ás persoas maiores de Oza-Cesuras con grao de dependencia recoñecido

Política Social impulsará a atención profesional no contorno familiar mediante o reforzamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2017-
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, continúa coa rolda de entrevistas con alcaldes e alcaldesas dos concellos de Galicia, reuníndose na xornada de hoxe no seu despacho de San Caetano co primeiro edil de Oza-Cesuras, Pablo González Cacheiro. O obxecto da xuntanza foi avaliar o mapa de recursos sociais da comarca, así como avanzar en novas vías de colaboración entre administracións para seguir coa mellora das políticas sociais dirixidas aos veciños e veciñas deste municipio coruñés.

Nesta liña, a Xunta seguirá reforzando o Servizo de Axuda no Fogar (SAF-Dependencia) e este exercicio destinará algo máis de 430.000 euros ao financiamento das 44.352 horas anuais que este municipio ten habilitadas. Outro dos asuntos tratados no encontro foi o recente inicio do curso para os nenos e nenas de 0 a 3 anos de idade. Oza-Cesuras conta dende o ano pasado cunha escola infantil de titularidade pública pertencente á rede da Galiña Azul, e este ano foron admitidos 24 novos menores, non habendo lista de agarda para este servizo.

O titular da carteira autonómica de Política Social asegurou tras a xuntanza que “o diálogo, a colaboración e a coordinación entre administracións é o mellor xeito de garantir unhas políticas sociais que verdadeiramente redunden na mellora da calidade de vida dos galegos e galegas”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2017