A Xunta cifra en máis de 200 millóns de euros o gasto en materia de ensinanza regrada no termo municipal de Vigo

O delegado do Goberno galego na cidade, Ignacio López-Chaves, defende o esforzo inversor e a forte aposta da Administración autonómica neste eido, cun orzamento próximo ao do total anual que manexa o concello vigués

Vigo, 13 de setembro de 2017
  • whatsapp

Tras o arranque do curso escolar o pasado luns nos ciclos de infantil, primaria e educación especial, o delegado da Xunta na área territorial de Vigo, Ignacio López-Chaves, celebrou hoxe o regreso ás aulas duns 36.829 escolares, dos que 23.795 alumnos fixérono nalgún dos colexios da cidade.

Así o indicou o representante do Goberno galego, quen aproveitou para acentuar a forte e decidida aposta da Administración autonómica, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no eido educativo. Unha afirmación para a que se apoiou nos máis de 200 millóns de euros que se invisten desde a Xunta en materia de ensinanza regrada, unicamente no termo municipal de Vigo.

Neste senso, recordou que a partida máis salientable refírese ao pago das nóminas do profesorado, ás que se dedican máis de 177 millóns de euros ao ano. Os máis de 20 millóns restantes repartiríanse entre as denominadas obras RAM (reposición, ampliación e mantemento), cunha contía que supera os 3 millóns de euros no caso dos centros educativos da cidade; os servizos de limpeza, comedor e transporte dos que se fai cargo a Xunta, así coma o resto de persoal de apoio ao cadro docente.

“O Goberno galego é a administración que máis inviste en Vigo e esta Xunta de Galicia é a que máis inversión dedica á cidade”, incidiu López-Chaves. A este respecto, chamou a atención sobre as devanditas cifras, das que remarcou que son a mostra do compromiso e esforzo do executivo de Alberto Núñez Feijóo coa educación. Segundo especificou, o presuposto de máis de 200 millóns de euros é equiparable ao do total anual que manexa o concello vigués.

E o mesmo nivel de compromiso reclamoulle o delegado da Xunta en Vigo ao Concello, dentro das súas competencias de mantemento, conservación e seguridade para, ao fío, referirse as denuncias públicas respecto ao mal estado dos accesos aos centros educativos, en clara alusión ao CEIP Ramón y Cajal.

López-Chaves reprochou ao alcalde a súa falla de “lealdade institucional, colaboración e compromiso”. Así, recordou que tralo convite á inauguración do curso no CEIP Canicouva o pasado luns o rexedor preferiu contraprogramar a súa visita a outro centro da cidade. “Non hai escusas nin xustificacións, puido ir outro día e a outra hora”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2017