A reforma da Lei de Saúde redundará nun beneficio xeneralizado para o paciente ao permitir ampliar a oferta de recursos asistenciais aos hospitais comarcais

A Xunta analizará as suxestións ao anteproxecto e incorporará aquelas que poidan mellorar o texto

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou hoxe no Parlamento que o cambio do mapa sanitario que establece o anteproxecto de reforma da Lei 8/2008 de Saúde de Galicia redundará nun beneficio xeneralizado para o paciente, xa que permitirá ampliar a oferta de recursos asistenciais aos hospitais comarcais. Refórzase, a través del, o papel destes centros sanitarios e blíndase tanto a súa existencia como a súa estrutura. Amparase, deste xeito, tanto ao persoal dos hospitais como a asistencia sanitaria de calidade para os cidadáns, que queda garantida.

O conselleiro explicou que a Lei de Saúde de Galicia ten 10 anos de vixencia e debido a este paso do tempo faise necesaria unha modificación e actualización. Trátase dunha modificación administrativa para adaptar a lexislación á organización territorial das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI) que ata o momento non contaban cun respaldo legal explícito, sen alterar en absoluto a asignación de médico e de hospital que na actualidade corresponde a cada paciente, nin moito menos a calidade asistencial.

O texto normativo, indicou, establece unha distribución en áreas sanitarias e en distritos. O ámbito das áreas coincidirá co das sete actuais EOXI, mentres que os dos distritos constituirán un marco de referencia da actividade da atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria que se establecerá arredor de cada hospital e manterán a agrupación de concellos que xa se realiza actualmente.

No que atinxe aos traballadores, non se altera en ningún caso o actual sistema de contratación temporal, xa que os profesionais poderán anotarse nunha das sete áreas e expresar a súa preferencia por un distrito concreto -o sistema xa funciona así para Barbanza, Cee e Verín- e non se introduce ningunha novidade para os sistemas de provisión de prazas.

A nova ordenación, sinalou o conselleiro, mellorará a xestión dos recursos humanos do Sergas en cada territorio, o que derivará nun maior achegamento dos servizos sanitarios á cidadanía. Os profesionais seguirán ligados á área e manterán o seu destino orixinal.

Achegas e suxestións


Sobre as achegas e suxestións recibidas, Almuiña afirmou que a Consellería de Sanidade analizará todas en profundidade e serán incorporadas aquelas que poidan mellorar este texto legal. Ademais das enviadas a través do portal de transparencia da Xunta, teranse en conta as achegadas nas reunións mantidas con representantes dos colexios profesionais -médicos, farmacéuticos, enfermería, veterinarios, odontólogos e fisioterapeutas-, alcaldes e portavoces municipais e profesionais do Sergas.

“Valoramos positivamente a participación de todo tipo de colectivos e representantes e que se fagan todas achegas que poidan mellorar o anteproxecto de Lei. Reitero que estamos na fase inicial, nos primeiros pasos ata a súa derradeira tramitación en sede parlamentaria, co único obxectivo de acadar un texto legal enriquecedor e que redunde na mellora do noso sistema sanitario”, salientou Almuiña.

O pasado 2 de agosto publicouse o anteproxecto no portal web de transparencia da Xunta de Galicia –o mesmo día que se lles comunicou ás organizacións sindicais-, abríndose deste xeito o prazo para formular suxestións por vía electrónica a través dun formulario habilitado na mesma páxina ou mediante a súa presentación en calquera dos lugares previstos na normativa. O 14 de agosto, co fin de garantir a maior transparencia e publicidade posible, ampliouse o prazo de presentación de suxestións ata o 1 de setembro.

Unha vez que o anteproxecto, xa en forma de proxecto de lei, entre no Parlamento comezará a súa tramitación parlamentaria e será a partir dese momento no que os grupos parlamentarios poderán interpoñer as emendas que consideren necesarias. Tamén os cidadáns, a través da ferramenta da web do Parlamento de Galicia Lexisla con nós, poderán opinar sobre el. Polo tanto, salientou Almuiña, o anteproxecto cumpre ao máximo coas garantías de transparencia e participación.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 13/09/2017