A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a unha pregunta sobre os botiquíns
Rosa Quintana defende a necesidade de crear unha nova categoría de botiquín que favoreza á frota de baixura

Fixo fincapé en que a frota de baixura faena moi preto da costa e requíreselle un botiquín de medicamentos que é complicado de utilizar e que pola pequena dimensión das embarcacións supón unha limitación para gardalo

Lembrou que as xestións da Xunta na materia comezaron en decembro de 2016, cando lle trasladou as singularidades deste segmento da frota ao titular de emprego da dirección xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da UE
 

Santiago, 13 de setembro de 2017
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu esta tarde a necesidade de crear unha nova categoría de botiquín que favoreza á frota de baixura. Así o reiterou no pleno do Parlamento, en resposta a unha pregunta sobre as conclusións do informe do grupo de traballo constituído por membros das consellerías de Mar, Sanidade e de Economía, Emprego e Industria, a través do 061 e do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), xunto co sector. Nel refórzanse os argumentos para levar ante a UE os intereses da frota de baixura coa finalidade de tratar de flexibilizar as obrigas esixidas a esta frota en relación coa obrigatoriedade de levar botiquín.

Nesta liña, Rosa Quintana explicou que dese informe conclúese que sería positivo que a Unión Europea considere a posibilidade de realizar unha reclasificación dos botiquíns e engada unha nova categoría, denominada “C-LOCAL”, para as embarcacións de artes menores, é dicir, para os buques que navegan e pescan dentro das augas interiores ou en zonas situadas a menos de 10 millas náuticas da costa.

Esta nova categoría, subliñou a titular de Mar, simplificaría os contidos do botiquín tipo “C”, que teñen que levar obrigatoriamente na actualidade as embarcacións de artes menores e que é equivalente ao das frotas de altura. Neste sentido, expuxo que a frota de baixura faena moi preto da costa e requíreselle un botiquín de medicamentos que é complicado de utilizar debido á pequena dimensión das embarcacións e a que non teñen ponte para resgardalo da intemperie, o que supón unha limitación. Ademais hai medicamentos que están obrigados a levar e que non necesitan nin utilizan.

Así, a conselleira lembrou que as xestións da Xunta para tratar de adaptar o contido do botiquín ás necesidades da frota de artes menores comezaron en decembro de 2016, cando lle trasladou as singularidades deste segmento da frota ao titular de emprego da dirección xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da UE, Stefan Olsson.

Finalmente, Rosa Quintana trasladou que simplificar o contido do botiquín implicaría unha redución do 75% dos medicamentos e do 55% no material técnico con respecto ao requirido actualmente segundo a normativa. Isto adaptaríase ás necesidades inherentes da actividade pesqueira do segmento de frota de baixura.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 13/09/2017