A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe o proxecto Bosques do Xurés promovido pola asociación Xuvemprende
A Xunta promove a dinamización do entorno rural de Lobios con dous proxectos ao abeiro do programa Iniciativa Xove

A titular autonómica tamén se reuniu co grupo informal Xóvenes do Xurés que no mes de agosto levaron a cabo o proxecto Do gran ao pan e que consistiu na realización de varios obradoiros relacionados co ciclo do pan

Iniciativa Xove ten como fin que os mozos e mozas que desenvolvan proxectos financiados a través do programa, adquiran unha serie de destrezas, aptitudes e competencias transversais que lles faciliten o seu acceso ao mundo laboral
 

Lobios (Ourense), 13 de setembro de 2017
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe en Lobios o proxecto Bosques do Xurés, promovido pola asociación Xuvemprende no marco do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia.

Ao abeiro deste proxecto estanse a desenvolver actividades de recuperación dos bosques autóctonos de castiñeiros, carballos ou bidueiros entre outros mediante diferentes xornadas de voluntariado ambiental dirixidas a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos. O obxectivo é incidir na concienciación ambiental da xuventude, fomentar o traballo altruísta e en equipo, a participación e a dinamización do entorno rural. Así mesmo, con estas actuacións estase contribuíndo á conservación da biodiversidade no parque natural, a diminución do risco de incendios e a mellora de hábitats para moitas especies animais.

Durante a súa visita, a directora xeral puido ver in situ as actividades de recuperación dun bidueiral no entorno do río Mao e ademais, apadriñou un castiñeiro.

Dentro do proxecto Bosques do Xurés, os mozos e mozas están a participar en obradoiros sobre o aproveitamento da castaña, de mel do Xurés e de elaboración de marmeladas con froitos silvestres.

Cecilia Vázquez reuniuse tamén hoxe co grupo informal Xóvenes do Xurés que no mes de agosto levaron a cabo o proxecto Do gran ao pan no núcleo de Puxedo (Lobios) e que consistiu na realización de varios obradoiros relacionados co ciclo do pan e as tradicións a el asociadas. Para o seu desenvolvemento, a organización contou coa poboación local que foi partícipe en primeira persoa deste xeito de vida tradicional, unindo así a experiencia práctica coa disciplina teórica co obxectivo de que a mocidade poida coñecela, difundila e practicala.

Así mesmo realizáronse dous grafittis coa finalidade de embelecer recunchos afeados polo ladrillo e o formigón no núcleo rural.

Iniciativa Xove

Este programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ten como fin que os mozos e mozas que desenvolvan proxectos financiados a través do programa, adquiran unha serie de destrezas, aptitudes e competencias transversais que lles faciliten o seu acceso ao mundo laboral.

Neste 2017 introducíronse novas áreas prioritarias como a promoción de hábitos saudables e a prevención de condutas de risco, a sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, a inclusión social e laboral dos colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables, a valorización do patrimonio cultural, o desenvolvemento e dinamización do medio rural e a dinamización da lingua galega entre a xuventude.

A Xunta de Galicia inviste 545.000 euros para apoiar a posta en marcha de 119 proxectos que xa se están levando a cabo ou o farán ao longo deste ano. Deles, 42 pertencen a grupos informais de mozos e mozas, 32 a entidades asociativas de ámbito autonómico e 45 a entidades asociativas de ámbito provincial.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2017