O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, compareceu hoxe en sede parlamentaria para dar conta dos servizos de atención á dependencia existentes na zona
A Xunta de Galicia defende a suficiencia dos recursos sociais dispoñibles para os veciños e veciñas da comarca de Barbanza

Na actualidade hai na comarca de Barbanza e nos seus arredores seis centros de día que ofrecen un servizo supramunicipal situados en Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Lousame, Valga e Dodro, e con prazas dispoñibles

Ademais, e para garantir a atención as persoas dependentes, o Goberno galego vén de reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) poñendo a disposición dos concellos máis horas dispoñibles

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, expuxo esta tarde no Parlamento os recursos asistenciais para as persoas maiores dependentes que a Xunta de Galicia ten en funcionamento na comarca do Barbanza e no seu contorno, e que dan servizo aos veciños e veciñas de todo ese ámbito xeográfico con independencia do concello no que residan. “A distribución dos recursos sociais responde a unha visión supramunicipal, de tal xeito que dunha mesma infraestrutura se poidan beneficiar cantas máis persoas mellor e logrando así unha mellor taxa de cobertura”, explicou Rey Varela.

O titular informou de que na actualidade están abertos tres centros de día no Barbanza situados en Boiro, Ribeira e na Pobra do Caramiñal; aos que hai que engadir outros tres nas proximidades e que se emprazan nos municipios de Lousame, Valga e Dodro. En total, seis centros de día cunha capacidade máxima de 235 prazas, das que nestes momentos hai libres 56 prazas para cubrir a demanda actual existente ao respecto deste servizo de atención diúrna. Rey Varela non descartou novas infraestruturas sociais en Rianxo no momento no que non se cubra a oferta actual e se acredite a demanda efectiva de prazas.

Ademais, o titular de Política Social apuntou que nos casos nos que non se dispoña de centro de día no propio concello ou nos que non houbera prazas libres, o propio recoñecemento da dependencia por parte da administración supón a posibilidade de acceder ao servizo de transporte para poder acudir ao centro máis próximo.

O conselleiro tamén salientou o importante crecemento que experimentou a rede de prazas en centros de día en Galicia nos últimos anos, pasando dunha oferta de 1194 prazas en 2009 ás 2787 actuais, o que pon de manifesto o compromiso da Xunta de Galicia na atención ás persoas maiores.

Por outra banda, Rey Varela deu conta da forte aposta que está a facer Goberno galego en materia de dependencia co obxectivo de ampliar os servizos e chegar a un maior número de persoas. Ao respecto, lembrou que fronte aos 15.000 dependentes que recibían atención en 2009 hoxe en día a cobertura chega a máis de 49.000 persoas. Nesta liña, referiuse ao reforzamento da atención profesional no entorno familiar co incremento en 1,2 millóns das horas habilitadas e a disposición dos concellos no Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Na súa intervención, o conselleiro referiuse en concreto á situación do concello de Rianxo, indicando que entre este ano e o anterior a Xunta ten incrementado en preto de 10.000 horas anuais o SAF. Así, esta prestación contabiliza máis de 25.200 horas anuais dispoñibles cun ratio de atención superior ao 90% e o novo aumento permitirá cubrir a totalidade da demanda existente no municipio.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2017