O expositor da campaña ‘Dálle luz á túa factura’ estará instalado o vindeiro fin de semana na Feira do Moble de Galicia

Esta feira é a segunda das 15 que nos vindeiros meses vai visitar o mostrador informativo desta campaña, que xa estivo instalado na Feira de Monterroso

‘Dálle luz á túa factura’ chega este ano con este expositor itinerante como novidade e, con el, tamén está a percorrer as principais vilas de Galicia

Igual que en anos anteriores, tamén se están a impartir charlas en diferentes concellos galegos para asesorar aos consumidores sobre como elixir o tipo de contrato máis axeitado, revisar a potencia contratada, valorar a discriminación horaria, ou mesmo saber como proceder á hora de presentar unha reclamación

Impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega, o obxectivo desta campaña divulgativa é dar a coñecer as principais recomendacións para aforrar no consumo de luz e facilitar a comprensión da factura eléctrica

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2017
  • whatsapp

O expositor itinerante da campaña ‘Dálle luz á túa factura’ estará instalado o vindeiro fin de semana -sábado 16 e domingo 17 de setembro- na Feira do Moble de Galicia, na Estrada, para achegar ao público asistente consellos prácticos para aforrar no recibo da luz. Impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega, o obxectivo desta campaña divulgativa é dar a coñecer as principais recomendacións para aforrar no consumo de electricidade e facilitar a comprensión da factura eléctrica.

Como novidade este ano, ‘Dálle luz á túa factura’ conta cun expositor itinerante que está a percorrer as principais vilas de Galicia e que vai visitar un total de 15 feiras sectoriais que se van celebrar por diferentes concellos galegos; a de Monterroso foi a primeira delas.

Elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada, valorar a discriminación horaria, ou mesmo saber como proceder á hora de presentar unha reclamación, son algúns dos aspectos que aborda esta iniciativa. E, como en anos anteriores, tamén se están a impartir en diferentes concellos charlas informativas para asesorar aos consumidores neste tipo de cuestións.

Xunto con isto, para que os consumidores poidan consultar as súas dúbidas, segue en marcha o teléfono gratuíto 900 907 723, así como a páxina de facebook ‘Dálle luz á túa factura’, que complementan o labor de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC).

Axudar aos fogares galegos


A subministración eléctrica nos fogares é un ámbito prioritario para a Xunta de Galicia polo que supón para o benestar e a economía das familias galegas, especialmente, as máis vulnerables. Neste sentido, o tícket eléctrico social ten permitido apoiar a preto de 7.000 familias desde que se puxo en marcha en 2014, axudándolles ao pagamento da factura da luz con ata 300 euros ao ano. E, do mesmo xeito, tamén as axudas para afrontar os cortes de subministración, que permiten cubrir o custo de dúas mensualidades ao ano por fogar, chegaron polo de agora a máis de 4.000 consumidores galegos.

Ademais, o Plan de vivenda que puxo en marcha o Goberno galego, busca que a rehabilitación de vivendas e a construción de novas edificacións vaia encamiñada a promover a eficiencia enerxética e o uso de fontes de enerxía renovables.

Data de actualización: 14/09/2017