O Programa Reconduce de prevención do desafiuzamento terá unha nova oficina en cada unha das cidades galegas para achegarse máis aos usuarios

Será máis ambicioso, non só atenderá ás persoas en risco de ser desafiuzadas por execución hipotecaria, senón tamén a aquelas que están nesta situación por non poder pagar o seu alugueiro

Destaca que ao estenderse a outras cidades galegas gañará en efectividade e dará cumprimento a un dos compromisos asumidos no marco da Axenda Social
 

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello o reforzo do Programa Reconduce para a prevención do desafiuzamento coa apertura de novas oficinas e a ampliación do marco de actuación ao eido do alugueiro.

Esta iniciativa, que ata o momento funcionaba só en Santiago, estenderase ás sete cidades galegas, coa contratación de xeito inmediato de 16 persoas. Os perfís profesionais que se buscan son sete persoas graduadas en Dereito ou unha titulación equivalente, para realizar funcións de asesoramento xurídico; outras sete graduadas en Traballo Social; unha graduada en Administración e Dirección de Empresas ou Economía: e un auxiliar administrativo.

“Tras preto de catro anos desenvolvendo o programa, constatamos que o programa Reconduce será máis efectivo canto máis se achegue á contorna dos usuarios”, dixo o presidente da Xunta, lembrando que este é un dos compromisos asumidos no marco da Axenda Social, asinada o ano pasado coa Fegamp e a Rede galega contra a pobreza-EAPN.

Así mesmo, explicou que o programa Reconduce non se reforza só a nivel de persoal, senón que tamén amplía o seu obxectivo, xa que, se ata o momento só atendía as persoas en risco de ser desafiuzadas por execución hipotecaria, agora tamén se amplía a aquelas que están nesta situación por non poder pagar o alugueiro.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2017