Galicia contará cunha Lei de espectáculos públicos que dotará dunha maior seguridade tanto os grandes eventos como as verbenas populares

O documento é consecuencia dunha longa tramitación na que participaron e foron escoitados os sectores máis representativos aos que vai dirixida

Outorga unha relevancia especial á protección integral da infancia e da adolescencia
 

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2017
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación do Proxecto de lei de espectáculos públicos e actividades recreativas, a primeira norma autonómica que establece unha regulación global deste asunto e que dotará dunha maior seguridade tanto os grandes eventos como as verbenas populares.

“Estamos en definitiva ante un proxecto de lei cun impacto amplo e notorio, xa que estamos a falar de establecer o réxime xurídico de todos os espectáculos públicos e actividades recreativas que se celebren en Galicia” en establecementos abertos ao público, dixo. Ademais, subliñou que o texto aborda diversas esferas como a seguridade, os controis de acceso, o papel das administracións en cada caso, os horarios, o tratamento dos menores nestes eventos, a prohibición da revenda de entradas, ou mesmo as sancións no caso de que nalgún momento se produza un incumprimento.

“Este documento é consecuencia dunha longa tramitación na que participaron e foron escoitados os sectores máis representativos aos que vai dirixida”, afirmou o titular do Executivo galego.

Así mesmo, entre os principais obxectivos da nova norma, Feijóo destacou que o texto ten como fin garantir a protección e a conciliación dos distintos intereses e dereitos que comprenden un abano tan amplo como os espectáculos públicos. Neste senso, insistiu na necesidade de blindar as condicións técnicas e de seguridade máis apropiadas para protexer os dereitos das persoas que participen nun espectáculo en Galicia. Resaltou tamén que a lei garante tamén a maior protección da infancia e da adolescencia.

Feijóo explicou que se trata dunha norma moi traballada, froito do diálogo constante cos sectores implicados e que vén cubrir un baleiro histórico neste eido. Entre outras medidas, establece a potestade para os concellos de poder realizar ampliacións do horario sobre os establecidos normalmente e sancións que poden chegar ata os 600.000 euros cando un local supere o seu aforo e poida supoñer un risco para as persoas.


Protección da infancia

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, incidiu en que esta lei outorga unha relevancia especial á protección integral da infancia e da adolescencia, ao recoller unha remisión ás obrigas introducidas pola normativa vixente en materia de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en persoas menores de idade.

Alfonso Rueda explicou que a normativa recolle achegas tanto da Fegamp, coma dos colectivos involucrados, cumprindo así co compromiso adquirido do Goberno galego de aprobar unha lei co máximo consenso de todas as partes. Ademais, nesta mesma liña o titular da Vicepresidencia lembrou que o borrador da lei estivo en exposición pública no Portal de Transparencia para que os cidadáns puideran enviar suxestións, achegas ou mesmo alegacións.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2017