O Goberno galego pon en marcha a II edición do concurso de ideas Industria 4.0 para apoiar 32 empresas de sectores estratéxicos de cara á fábrica intelixente

Salienta que se mobilizarán 8 millóns para apoiar proxectos en sectores estratéxicos como a automoción, a madeira, a alimentación e o naval

Ademais dos catro proxectos sectoriais, o Goberno galego tamén financiará un proxecto temático centrado na fábrica virtual

Destaca que as dúas convocatorias deste concurso mobilizaron 15,6 millóns de euros
 

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2017.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a resolución da segunda convocatoria do Concurso de ideas Industria 4.0, que permitirá apoiar 32 empresas no desenvolvemento de proxectos que apliquen os procesos e as técnicas de fábrica intelixente.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que, cun investimento público de 2,8 millóns de euros, se mobilizarán 8 millóns para apoiar catro proxectos nos sectores estratéxicos da automoción, a madeira, a alimentación e o naval.

No eido da automoción, o responsable do Goberno galego subliñou que o proxecto liderado por Ceaga, e coa participación de nove pemes do sector, se centrará na automatización, a dixitalización e a intercomunicación máquina a máquina, así como na conectividade total ou estendida.

En relación ao sector madeireiro, o Clúster da Madeira coordinará nove pemes de toda a cadea de valor para mellorar a súa especialización, tecnificación e competitividade. E na rama alimentaria, financiarase a Clusaga e a cinco pemes dos sectores lácteo, avícola, pesqueiro, vitivinícola e hortofrutícola, co obxectivo compartido de incorporar novas tecnoloxías de produción e envasado, e perfeccionar a rastrexabilidade.

Sobre o sector naval, Feijóo resaltou que Aclunaga aspirará a revitalizar os procesos produtivos e de xestión do sector naval e a industria auxiliar, apostando pola dixitalización como elemento clave.

Ademais dos catro proxectos sectoriais, o Goberno galego tamén financiará un proxecto temático centrado na fábrica virtual. Ao respecto, o presidente da Xunta explicou que esta iniciativa a desenvolverá Asime, a Asociación de industriais metalúrxicos de Galicia.

“En total as dúas convocatorias mobilizaron 15, 6 millóns de euros e están provocando un efecto demostrador, cada vez ás convocatorias acoden máis empresas con proxectos máis interesantes desde o punto de vista da competitividade”, afirmou, ao que engadiu que, durante os dous primeiros anos de vixencia da Axenda da Industria 4.0, “se crearon 11.500 postos de traballo industriais, o que significa que estamos collendo músculo neste sector”.

O responsable do Executivo autonómico lembrou tamén que a primeira convocatoria do Concurso de Ideas Industria 4.0, permitiu o impulso de proxectos piloto en 38 empresas en catro sectores estratéxicos: a automoción, a madeira, a alimentación e o aeronáutico.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2017