Cores Tourís anuncia obras de mellora da instalación eléctrica do CPI Domingo Fontán de Portas

O delegado territorial destacou que estes traballos, que comezan o próximo luns, suporán un investimento de 35.500 euros e permitirán poñer fin aos defectos existentes nos cadros eléctricos e nas luminarias

Portas (Pontevedra), 12 de setembro de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o CPI Domingo Fontán de Portas onde o próximo luns comezarán os traballos de mellora da instalación eléctrica do centro.

Na visita estivo acompañado do alcalde da localidade, Víctor Estévez, así como do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, a deputada autonómica Isabel Novo, e de responsables do equipo directivo do colexio xunto a Unidade Técnica da Xefatura de Educación.

As obras contan un investimento de 35.525 euros, e teñen como finalidade a adecuación da instalación eléctrica que presentaba varios defectos como circuítos mal protexidos contra sobrecargas, cadros sen identificar ou falta de tomas de terra.

Estes traballos suporán que se leve a cabo a reforma dos cadros eléctricos de protección, o cambio de todas as liñas de distribución a cadros secundarios e a instalación de luminarias de emerxencia, incluíndo un telemando de control.

Os traballos, que comezaron fai uns días, remataranse ao longo do presente mes, e permitirán dotar de maior seguridade eléctrica ao colexio de Portas que conta con preto de 320 alumnos. Neste centro, nos últimos anos, tamén se levaron a cabo obras de reforma da sala de caldeiras, da rede de filtracións así como a reposición do depósito de gasóleo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2017