Cores Tourís comproba o avance da vendima nunha adega da IXP Ribeiras do Morrazo

O delegado territorial recordou que a comezos deste mes o Diario Oficial da Unión Europea publicou a solicitude de inscrición desta indicación xeográfica no rexistro comunitario e se ninguén se opón a esta petición, despois de dous meses produciríase o rexistro definitivo deste selo de calidade mediante un regulamento de execución da Comisión

A uva desta zona caracterízase por producir uns caldos con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, aromas florais e de froitas e cunha boa e equilibrada acidez

Vilaboa (Pontevedra), 14 de setembro de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou o avance da vendima nunha adega da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo situada no concello de Vilaboa.

Deste xeito, coñeceu a labor que se está a desenvolver na adega Os Areeiros de Santa Cristina de Cobres, onde esta mesma semana comezaron a recoller a uva, tal e como lle transmitiu a Cores Tourís o xerente da mesma, Guillermo Martínez, quen destacou que se trata dunha firma familiar na que traballan nove persoas e que está a embotellar a través da marca Areeiros, “aínda que estamos xa a traballar nunha segunda marca”.

Neste senso, o delegado territorial recordou que a comezos deste mesmo mes o Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publicou a solicitude de inscrición da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo no Rexistro comunitario de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

“Isto significa que se abre un período de oposición a nivel da Unión Europea de dous meses. Cando se supere este trámite producirase o rexistro definitivo deste selo de calidade mediante un regulamento de execución da Comisión”, explicou José Manuel Cores Tourís, quen engadiu que “estamos a falar dunha iniciativa moi importante, xa que como as adegas desta zona xa contan coa aprobación da protección nacional transitoria, o viño que fagan nesta campaña xa poderá contar con este selo”.

A indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo aplícase aos viños producidos nesa zona. Viños brancos e tintos con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, aromas florais e de froitas e cunha boa e equilibrada acidez.

O ámbito xeográfico desta indicación xeográfica protexida comprende os terreos aptos para a produción da uva, que se atopen por debaixo dos 300 metros de altitude e nos termos municipais de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa, todos eles da provincia de Pontevedra, nunha extensión de máis de 2340 hectáreas. É unha zona cun clima oceánico- húmido, con 2100 horas de sol ao ano, temperaturas suaves, con ausencia de xeadas e cun nivel medio de precipitacións de 1300 a 1800 milímetros anuais.

“Non todas as hectáreas dedicadas ao cultivo de uva nesta área xeográfica poderán fornecer viño á nova IXP xa que non son admisibles todas as variedades que se cultivan senón aquelas de cultivo tradicional antes citadas, que son as potencialmente produtoras de viños de calidade”, explicou o delegado territorial. Actualmente hai sete pequenas adegas legalizadas nesta área xeográfica que producen entre os 20.000 e os 30.000 litros anuais.

O seu cultivo faise en terreos de ladeiras con suaves pendentes e orientacións protexidas, en solos moderadamente ácidos, permeables e con escaso contido en materia orgánica no seu estrato máis superficial.

Respecto ás súas características analíticas, son viños secos cunha graduación alcohólica mínima de 11,5% Vol. no caso dos brancos e 10% nos tintos. As uvas son das variedades brancas albariño, caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés e das tintas brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón. Trátase de viños frescos e suaves en boca, limpos, brillantes con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con aromas florais e de froitas e, finalmente, con boa e equilibrada acedume. Os viños brancos terán potente intensidade aromática e os viños tintos ben cubertos en fase visual.

O embotellado en orixe permite preservar as características de calidade do produto. Isto, unido á experiencia e o coñecemento profundo das calidades específicas do viño adquirido durante anos polos produtores e produtoras locais fan necesario o envasado en orixe, para así preservar as características fisicoquímicas e organolépticas destes viños.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2017