O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, renovou hoxe o convenio de colaboración coa Fundación Secretariado Gitano
A Xunta reafirma o seu compromiso coas persoas xitanas a través dos programas Acceder e Promociona

A Administración autonómica destina en 2017 64.000 euros ao desenvolvemento destes itinerarios que teñen como finalidade mellorar a capacidade de inserción e a incorporación das minorías étnicas no mercado de traballo

A fundación encargarase do mantemento de seis dispositivos de intervención na Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol
 

Santiago, 14 de setembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o director da Fundación Secretariado Gitano, Isidro Juan Rodríguez Hernández, renovaron esta mañá o convenio de colaboración para a execución de accións do programa operativo estatal de inclusión social e economía social 2014-2020 do Fondo Social Europeo. O acto, que tivo lugar nas dependencias administrativas da Xunta de Galicia en San Caetano, contou coa asistencia do director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente.

Concretamente, este acordo permitirá desenvolver itinerarios integrados de inclusión socio-laboral para a poboación xitana mediante os programas Acceder e Promociona. Ambos versarán especialmente sobre materias de formación profesional ocupacional, orientación laboral, acompañamento no acceso a o emprego, accións de sensibilización dirixidas a empresarios, entes públicos e estudos e metodoloxías para aplicar aos programas.

O obxectivo destes itinerarios é mellorar a capacidade de inserción e incorporación das minorías étnicas no mercado de traballo, así como a inserción de persoas xoves desempregadas e en situación de exclusión social, o fomento dos servizos de proximidade ou a capacitación dos beneficiarios nunha profesión ou oficio. Para a realización das actividades obxecto do convenio, a Consellería de Política Social achegará a cantidade de 64.000 euros.

Pola súa banda, a Fundación Secretariado Gitano encargarase do mantemento de seis dispositivos de intervención, coa finalidade de realizar accións de acollida, orientación, acompañamento e acceso de minorías étnicas, preferentemente á formación e ao emprego. Estes dispositivos estarán situados nos concellos da Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol. Así mesmo, desenvolverá accións de asesoramento e apoio dirixidas a impulsar políticas sociais máis activas coa comunidade xitana e actuacións que aseguren unha oferta axeitada de servizos que reforcen a prevención do abandono escolar prematuro.

A Xunta de Galicia mantén esta colaboración coa Fundación desde o ano 2009.

Fundación Secretariado Gitano

A entidade desenvolve, desde o ano 2001, programas e accións que buscan fomentar a participación social e a incorporación laboral da comunidade xitana en Galicia, e apoiar as iniciativas que teñen por obxecto a mellora das condicións de vida das persoas xitanas.

Na actualidade atende arredor de 2000 persoas e conta con sedes en Lugo, Santiago, A Coruña, Narón, Pontevedra e Vigo.

 

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2017