Turismo de Galicia participará en 46 feiras sectoriais ao longo de 2017, cinco máis que o pasado ano

Este departamento da Xunta promoverá a Comunidade galega como destino turístico en 13 certames nacionais e 33 internacionais

No ámbito do Turismo de reunións, Galicia estará presente en 12 feiras e eventos específicos
 

Santiago, 7 de xaneiro de 2017
  • whatsapp whatsapp

O destino turístico Galicia será promovido este ano en 46 feiras sectoriais e encontros profesionais, cinco máis que o ano pasado, de acordo co programa de actividade de Turismo de Galicia para o ano 2017, que levará a oferta, os servizos e os produtos turísticos galegos a 33 certames internacionais e 13 nacionais, o que permitirá a promoción global da Comunidade galega nos distintos mercados mundiais.

Ao longo deste ano, Turismo de Galicia participará nos principais certames turísticos do mundo, entre os que salientan a Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR, en xaneiro; a Internationale Turismus Börse (ITB), de Berlín, en marzo; ou a World Travel Market (WTM), de Londres, en novembro.

Para a promoción xenérica no eido internacional, o departamento de Turismo da Xunta participará nas seguintes feiras, ademais da ITB e a WTM: Vakantiebeurs, de Utrecht-Holanda, en xaneiro; Ferien Messe, de Viena-Austria, en xaneiro; Matka, de Helsinki-Finlandia, tamén en xaneiro; Holyday World, de Dublín-Irlanda, en xaneiro; Salon des vacances, de Bruxelas-Bélxica, en febreiro; Free, de Munich-Alemaña, en febreiro; Ferie for Alle, que se celebrará de Herning-Dinamarca, en febreiro; MITT, de Moscú-Rusia, en marzo; Salon Mondial du Tourisme de París-Francia, en marzo; WTM América Latina de São Paulo-Brasil, en abril; Mundo Abreu, de Lisboa-Portugal, en abril; Jata, de Tokio-Xapón, en setembro; International Tourism & Travel Show de Montreal-Canadá, en outubro; Festuris de Gramado-Brasil, en novembro; e CITM, de Kunming-China, en decembro.

Ademais, no ámbito nacional, o turismo galego estará representado en todos os certames turísticos organizados nos principais mercados emisores para Galicia.

Deste xeito, ademais de FITUR, Turismo de Galicia participará nas feiras de carácter xeneralista Navartur, en Pamplona, en febreiro; Sevatur, en San Sebastián, no mes de marzo; B Travel de Barcelona, en abril; e o Salón de Turismo INTUR, en Valladolid, no mes novembro.

Produtos senlleiros


Para a promoción específica dos produtos turísticos galegos senlleiros, Turismo de Galicia participará en 12 certames especializados ao obxecto de difundir e apoiar a súa comercialización.

Deste xeito, en relación ao Camiño de Santiago e ao fenómeno xacobeo, o departamento de Turismo da Xunta de Galicia, ademais de promover a ruta en todos os certames turísticos, participará nas feiras específicas Koiné, de Vicenza-Italia, en marzo; Expocatólica, de São Paulo-Brasil, en xuño; e Sacroexpo, de Kielce-Polonia, tamén en xuño.

No eido dos produtos turísticos, o turismo de saúde promoverase no certame Termatalia, que se celebrará en Ourense durante o mes de setembro.

Polo que respecta ao turismo náutico da Comunidade galega, Turismo de Galicia instalará recintos de promoción no Grand Pavois, de La Rochelle, Francia, entre os meses de setembro e outubro, e o Salón náutico de París, que se celebrará nos primeiros días de decembro.

Canto ao golf, este produto promoverase de xeito específico no certame Unigolf, que se celebrará en Madrid no mes de abril.

Ademais, a ornitoloxía, un dos produtos turísticos emerxentes na Comunidade galega, contará tamén cunha promoción específica na feira FIO, que terá lugar en Monfragüe, Extremadura, no mes de febreiro, e o certame Birdfair, que se celebrará no Reino Unido en agosto.

Canto, ao cicloturismo, o sendeirismo e á bicicleta de montaña, Turismo de Galicia participará no certame Unibike, que terá lugar en Madrid no mes de setembro.

Por último, para promover a gastronomía, Turismo de Galicia estará presente no certame Xantar, que se celebrará na cidade de Ourense no mes de febreiro.

Turismo de reunións


Ademais destes certames turísticos, Turismo de Galicia participará en 12 feiras e encontros profesionais relacionados coa promoción do turismo de reunións.

Así, ao longo de 2017, o departamento de Turismo da Xunta promoverá esta modalidade turística nas feiras ILTM, ConfecBlue, Meeting & Summit Incentive, Meeting Space Srping, ConfecRed, Salon Réunir, IMEX, M & I Forum Europa, The Meeting Space Autum, TTG Incontri, M&I ‘Forum Eurpe Summer’ e na feira feira IBTM World.

Data de actualización: 07/01/2017