A Xunta pon a disposición dos concellos da provincia 46 orientadores laborais cun investimento de 1,1 millóns de euros

Nos vindeiros días resolverase a parte da convocatoria destinada ás entidades sen ánimo de lucro, completando unha das ferramentas clave das políticas de emprego

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou que estas medidas buscan facilitar a inserción e mesmo a reincorporación laboral dos desempregados

A Coruña, 22 de setembro de 2017
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pon a disposición dos concellos e entidades de ámbito local da provincia unha liña de axudas destinadas á contratación de orientadores laborais nos concellos galegos. Así o anunciou o delegado territorial na Coruña, quen lembrou que proximamente resolverase a parte da convocatoria destinada ás entidades sen ánimo de lucro, tamén para a contratación de orientadores.

Ovidio Rodeiro anunciou que, para a provincia da Coruña, o Consello aprobou a contratación de 46 persoas repartidas en 39 concellos e a mancomunidade de Ordes. A contía total da liña de axudas, no que corresponde á provincia, ascende a algo máis de 1,1 millóns de euros. No conxunto de Galicia, as subvencións propician a contratación de 103 persoas en 93 entidades locais cun investimento de máis de 2,4 millóns de euros.

O delegado lembrou que “a orientación é unha peza clave das políticas da Xunta e, polo tanto, un dos retos fundamentais da Axenda 20 para o Emprego”, coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade. Os orientadores laborais son os técnicos que realizan accións de orientación profesional para emprego e o autoemprego, dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas.

Con esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria garante o mantemento deste servizo destinado a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Galicia. Trátase dun instrumento para promover, en definitiva, a configuración dunha rede especializada de técnicos encargados da mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas desempregadas.

Os técnicos encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.

Estes orientadores sumaranse como persoal especializado aos técnicos que xa traballan nas oficinas de emprego do Servizo Público de Galicia. Co financiamento destas accións en materia de orientación, a consellería busca facilitar a inserción e reincorporación laboral dos desempregados, ademais de favorecer a súa mobilidade profesional no mercado de traballo e dar apoio para que os destinatarios tomen as decisións máis axeitadas respecto das súas necesidades formativas. De feito, é unha das medidas incluídas nas políticas activas de emprego deste departamento.

Tamén se procura mellorar a empregabilidade dos traballadores e desenvolver o espírito emprendedor e as iniciativas de autoemprego. A Xunta pretende, ademais, potenciar unha participación activa no procedemento de acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.