A Xunta aproba o Decreto de tempos máximos de espera que garantirá que os pacientes con doenzas graves sexan intervidos nun prazo máximo de dous meses

Precisa que se ben nun primeiro momento se valoraba que este decreto axudase aos pacientes que padecen algún tipo de cancro, o texto final mantén este compromiso e o amplía a máis de 100 tipos de patoloxías importantes non urxentes

Asevera que o catálogo de doenzas que cobre a nova normativa se irá ampliando progresivamente a medida que avance a súa aplicación
 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2017
  • whatsapp

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación definitiva do Decreto de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas; un texto que culmina o desenvolvemento normativo da Lei de garantías de prestacións sanitarias e que fará posible que os pacientes con doenzas graves sexan intervidos nun prazo máximo de dous meses.

Logo de lembrar que con esta nova normativa se garanten uns tempos máximos de atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente (60 días naturais para intervencións cirúrxicas, 45 días para primeiras consultas externas e 45 días para primeiras probas diagnósticas ou terapéuticas), Feijóo subliñou que este novo decreto supón un paso máis no compromiso que asume a sanidade pública galega cos seus pacientes.

Ao respecto, precisou que se ben nun primeiro momento se valoraba que este decreto axudase os pacientes que padecen algún tipo de cancro, o texto final mantén este compromiso e o amplía a máis de 100 tipos de patoloxías importantes non urxentes.

Con este novo decreto, as persoas que sufran unha patoloxía importante non urxente disporán da garantía do Servizo Galego de Saúde de que pasarán polo quirófano nun máximo de dous meses. E cando o Sergas non lle poida garantir a un cidadán ser atendido no tempo máximo establecido, este disporá de tres opcións: continuar na lista de espera do centro que lle corresponde; trasladarse a un centro público doutra área sanitaria; ou acudir a un centro concertado acreditado polo Servizo Galego de Saúde na Comunidade autónoma, que aboaría integramente o Sergas.

Feijóo aseverou que o catálogo de doenzas que cobre a nova normativa se irá ampliando progresivamente a medida que avance a súa aplicación.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou que a estimación do Servizo Galego de Saúde é que arredor de 15.000 persoas poidan beneficiarse anualmente das garantías recollidas neste decreto. Ademais, sinalou que se aplicará con carácter retroactivo, é dicir, que será de aplicación non só para os novos procesos de enfermidade, senón tamén para as persoas que, dentro das casuísticas recollidas na norma, estean xa nas listas de espera do Sergas.

Almuiña salientou que a través desta medida non só se amplían os dereitos dos cidadáns, senón tamén a súa autonomía, ao ofrecerlles información precisa para que poidan tomar as decisións correspondentes ao seu proceso de enfermidade. Neste sentido, explicou que unha vez que a un paciente se lle indique unha cirurxía, este será recibido no servizo de admisión e se lle informará do prazo no que será operado. Así mesmo, se nese centro non se están resolvendo as intervencións nos límites temporais establecidos no decreto se lle ofertará outro centro para garantir a calidade da atención.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 28/09/2017