A Xunta salienta a importancia da formación para dar resposta ao tecido empresarial e impulsar o emprego de calidade

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na apertura do II Encontro de Intelixencia Emocional En Mente organizado pola USC, que ten como obxectivo mellorar as competencias emocionais e sociais e o desenvolvemento persoal e profesional dos asistentes

Toca destaca que o Goberno galego aposta por unha formación global e transversal adaptada á realidade de cada galego

Sinala que experiencias como a organizada hoxe pola Universidade de Santiago serven para que os traballadores desenvolvan a súa marca persoal axudándoos a diferenciarse e a situarse mellor no mercado laboral
 

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2017
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na apertura do II Encontro de Intelixencia Emocional En Mente organizado pola Asociación de antigos alumnos e amigos da Universidade de Santiago, xunto co Instituto de Ciencias da Educación da USC, co obxectivo de mellorar as competencias emocionais e sociais e o desenvolvemento persoal e profesional dos asistentes.

Toca puxo en valor a organización de iniciativas como este foro de educación emocional e social, xa que, segundo apuntou, serven para que os traballadores desenvolvan a súa marca persoal axudándoos a diferenciarse e a situarse mellor no mercado de traballo.

A secretaria xeral de Emprego apuntou que a formación e a capacitación dos galegos e das galegas é un dos retos principais da Axenda 20 para favorecer o seu crecemento persoal e profesional, coincidindo cos principais obxectivos deste encontro.

Deste xeito, indicou que a Xunta aposta por unha formación global e transversal adaptada á realidade de cada galego e, sobre todo, axustada ás necesidades reais e ás novas formas de traballo das empresas, marcadas, principalmente, pola crecente necesidade de innovación e adaptación impulsada pola Industria 4.0.

A Xunta incrementou este ano a formación para o emprego nun 21,6% chegando ata os 86,2 millóns de euros, que inclúe, entre outras actuacións, ademais dos cursos de formación para persoas sen traballo, accións formativas para ocupados, obradoiros e programas integrados de emprego, lanzadeiras e convocatorias para o recoñecemento da experiencia profesional.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/09/2017