A Xunta incrementou na provincia da Coruña en máis do 25 por cento as horas do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia, ata atender a todas as solicitudes

A Consellería de Política Social multiplicou por catro nos últimos sete anos o número de usuarios que se beneficiou destas axudas, que chegan a 220 concellos

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o Concello de Tordoia, onde foi recibido polo seu alcalde, Antonio Pereiro Liñares
 

A Coruña, 5 de xaneiro de 2017
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Concello de Tordoia, onde foi recibido polo seu alcalde, Antonio Pereiro Liñares. Xuntos analizaron as últimas actuacións levadas a cabo polo executivo galego no municipio e intercambiaron impresións sobre futuros proxectos.

Ovidio Rodeiro destacou o esforzo que, a través da Consellería de Política Social, a Xunta de Galicia está facendo por reforzar o servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia, e que no caso de Tordoia alcanzou en 2016 as 931 horas fronte ás 814 do ano 2015. Grazas a este incremento do 14,37 por cento, Tordoia responde ao o 100% das persoas que solicitaron este servizo.

No conxunto da provincia da Coruña ofrecéronse 208.299 horas de axuda no fogar grazas a un incremento do 25,05 por cento con respecto a 2015, o que supón un aumento de 41.725 horas. En Galicia, a Xunta incrementou nun millón de horas o servizo para persoas en situación de dependencia, alcanzando así o 100% da demanda dos solicitantes.

Trátase dunha medida da que se beneficiaron 220 concellos. A Consellería de Política Social mantén o compromiso de continuar incrementando a atención aos dependentes tras chegar en 2016 aos 42.548 dependentes atendidos, cando en 2009 eran 14.000. A día de hoxe hai máis de 4.300 dependentes que reciben distintos servizos de teleasistencia e servizos de promoción, vinte veces máis que en 2009.

Ademais, máis de 14.000 persoas teñen unha praza pública en residencias, centros de día e centros de día especializados, case o triplo que hai sete anos, e máis de 15.000 dependentes están atendidos a través do sistema de libranzas, un 70% máis. Hai case 13.000 persoas que reciben un servizo de axuda no fogar, un 400% máis de persoas que reciben servizo de axuda no fogar que en 2009.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/01/2017